Nova Escocia
Provincia da costa atlántica de Canadá, formada por unha península, unida ao continente polo istmo de Chignecto (18,5 km) e a illa de Cabo Bretón, separada polo estreito de Canso (55.490 km2; 908.007 h [2001]). A capital é Halifax. De relevo apalachense, está constituída por rochas antigas con granitos intrusivos ao SO de Halifax, e por rochas triásicas con intrusións volcánicas arredor da baía de Fundy. Dentro do sector primario destacan os depósitos carboníferos e de barita, a actividade pesqueira e a gandaría, que se centra na produción de leite. Halifax é o principal núcleo industrial e centro comercial. Conta con refinarías de petróleo e industrias alimentarias, de construción e de reparación naval. A explotación forestal dos bosques fornece de materias primas as industrias da madeira e do papel.