obelisco

obelisco

(< lat obeliscu < gr ὀβελίσκος)

  1. s m [ARTE/HIST]
    1. Monumento relixioso, de base cuadrangular, rematado en punta e feito de diferentes bloques de pedra ou, máis frecuentemente, monolítico, que é propio do Exipto faraónico. É un monumento solar e apareceu por primeira vez na dinastía V (2494-2345 a C), consagrado a Ra ou a unha divindade asimilada a el, como Ammón-Ra. O seu uso prolongouse ata finais da época romana, experimentando moitos cambios, no tocante ao zócolo, ás proporcións ou ao material, e adoitaba levar gravadas escenas e inscricións. En solo exipcio quedan poucos, dos que destacan o de Sesostris I en Heliópolis, os de Tuthmosis I e Hatsepsut en Karnak e un dos de Ramsés II en Luxor. Sobresaen tamén o de Istambul, Florencia, Urbino, os de París, Londres e Nova York, no s XIX e, sobre todo, os de Roma, onde hai trece, dos que sobresae o de Tuthmosis III de 32 m de altura, realizados en época romana.

    2. Calquera monumento con esta forma.

  2. s m [PALEOG]

    Trazo que empregaron os copistas nos antigos manuscritos para sinalar palabras ou pasaxes que debían ser emendadas.

  3. s m

    Signo en forma de cruz que se coloca antes dunha data para indicar o ano de falecemento dunha persoa ou diante dun personaxe para indicar que xa faleceu.

Palabras veciñas

Obeid, El- | Obelia | obelio | obelisco | Obelisco Millenium | Obélix | Obélix