ocupación

ocupación

(< lat occupatĭōne)

  1. s f

    Acción e efecto de ocupar ou ocuparse.

  2. s f
    1. Actividade en que se está ocupado.

      Ex: As miñas ocupacións impídenme pasar pola túa casa.

    2. Traballo ou estudo ao que se dedica o tempo a cambio dunha retribución ou ganancia.

      Ex: Ao longo da miña vida tiven as máis diversas ocupacións.

      Confrontacións: emprego, oficio.
    3. [ECON]

      Utilización de man de obra para a produción. A estrutura da ocupación determina a parte da poboación activa empregada nos diversos sectores de actividade económica, e tamén a súa composición cualitativa. O nivel de ocupación fixa o grao de absorción dos factores e en especial do factor traballo no conxunto das actividades produtivas. Segundo o modelo neoclásico, o nivel de ocupación está determinado pola intersección das curvas da oferta e da demanda de traballo, que dependen ao mesmo tempo do salario real. Un exceso da oferta de traballo respecto da demanda desencadea un proceso de axuste que tende á diminución do salario real. A nova situación de equilibrio obtida cumpre as condicións de plena ocupación, entendida como a situación en que todo individuo disposto a traballar ao nivel de salarios vixente pode conseguilo. Esta concepción optimista oponse á visión marxista, segundo a que, o capitalismo mantén en permanencia un certo volume de man de obra desocupada para facer presión sobre os salarios e reducir a combatividade da clase obreira.

    4. [ECON]

      Utilización efectiva, nun momento dado, dos recursos produtivos, como a man de obra, os bens de capital e os recursos naturais.

  3. s f [DER]
    1. Toma de posesión por parte dos poderes públicos dunha propiedade privada para o estudo ou a execución de traballos públicos. O propietario desposuído ten que recibir unha indemnización.

    2. Forma orixinaria de adquirir a propiedade que consiste en apoderarse de bens materiais externos que non pertencen a ninguén.

    3. Exercicio temporal da soberanía sobre un territorio ou estado estranxeiro. A ocupación de guerra ou militar prodúcese despois dun conflito, a ocupación pacífica efectúase para garantir as estipulacións dun tratado de paz, e a ocupación mixta ten como base un acordo entre os belixerantes. Foi regulamentada pola Convención da Haia (1907) e pola Convención de Xenebra (1949) para a protección de civís en tempo de guerra.

Refráns

  • Nunca lle falta en que entender ao que ten carro e muller.

Palabras veciñas

ocume | ocupábel | ocupable | ocupación | ocupacional | ocupado -da | ocupador -ra