Ohio

Ohio

Estado de EE UU, situado dentro da rexión dos Grandes Lagos (107.044 km2; 11.353.140 h [2000]). Limita con Michigan ao N, Pennsylvania e West Virginia ao L, Kentucky ao S e Indiana ao O. A súa capital é Columbus. Ocupa unha rexión chá que forma parte do altiplano apalachense e que comprende a parte dereita da conca do río Ohio. Ocupa o sector oriental da actual Corn Belt, aínda que, na actividade agropecuaria, predomina a cría de gando bovino de leite. Ten máis importancia a actividade industrial, favorecida pola existencia de petróleo e gas natural e tamén pola proximidade das concas hulleiras. A metalurxia de base e de transformación, as construcións mecánicas e eléctricas, o material de transporte, as industrias químicas, alimentarias e da madeira son as principais ramas industriais. Habitado por tribos miamis, shawnees, ottawas e iroqueses, o territorio do NO foi explorado no s XVII por xesuítas franceses, por R. R. La Salle (1670) e polo capitán Celoron (1749). En 1803 converteuse no 17º estado da Unión.

Palabras veciñas

oh! | Ohana, Maurice | Ohio | Ohio | Ohlin, Bertil Gotthard | ohm | Ohm, Georg Simon