Oia, Santa María de

Oia, Santa María de

Mosteiro situado en Oia. Fundárono en 1137 o Rei Afonso VII e dona Berenguela. A primeira noticia documental data de 1149 cando Afonso VII doou ao mosteiro as súas posesións en Mougás, Viladesuso e Pedornes. Nun principio os monxes seguiron a orde de san Bieito pero en 1185 integrouse no Císter. Foi o único mosteiro cisterciense situado na costa. As súas posesións estendéronse polo Baixo Miño ata Portugal, e os monxes introduciron na zona a cría libre de cabalos. En 1547 uniuse á congregación de Castela e, en 1624, defendeu a costa dos ataques dos turcos e obtivo privilexios do Rei Filipe IV. Coa desamortización de Mendizábal (1835), vendéronse as dependencias monacais e a igrexa converteuse na parroquial de Oia. Durante a Guerra Civil Española   funcionou como cárcere. Abandonado, permanece en mans privadas á espera de converter as súas dependencias en instalacións hoteleiras. A igrexa é cisterciense e presenta planta de cruz latina con tres naves lonxitudinais, separadas por grandes piares en forma de T e cubertas con bóvedas de canón apuntado. A cabeceira conta con cinco capelas, rectangulares e graduadas en altura. No interior destacan as pinturas murais da nave central (1777), que aluden ás ordes militares que xurdiron do Císter e das que destacan as representacións dos reis Afonso VII e Sancho III; e o coro do s XVII. A fachada que se conserva é barroca do s XVIII e nela destaca a imaxe da Virxe do Mar. Destaca tamén o claustro procesional do s XVI. Foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 1931.

Palabras veciñas

Oia | Oia | Oia Castaño | Oia, Santa María de | Oiartzun | Oiarzábal Urteaga, Juan Eusebio | oídas, de