Onde o mundo se chama Celanova
Libro de poemas de Celso Emilio Ferreiro que se publicou orixinalmente en Madrid en 1975 en edición bilingüe e titulado Donde el mundo se llama Celanova/Onde o mundo chámase Celanova. Composto orixinariamente por 34 poemas, estruturalmente está dividido en dúas partes ben diferenciadas. A primeira delas está dedicada á súa terra, Celanova, e confórmana unha serie de composicións que exaltan a vila e a infancia e a adolescencia que pasou o autor nela. A segunda parte está composta por un conxunto de poemas heteroxéneos de tema variado, con diálogos con Deus, reflexións autobiográficas, sátiras contra o poder ou cadros costumistas de Galicia. Aínda que os poemas non están datados, suponse que foron compostos durante a súa estadía en Caracas na década de 1970. Con este libro, Celso E. Ferreiro pecha o seu ciclo creativo poético, cunha visión cara á súa terra, onde amosa a súa paixón polo lugar onde naceu e creceu, e onde o espazo, case humano, cobra unha importancia definitiva. Recibiu o Premio de la Crítica española (1976).