ontoloxía

ontoloxía

(

s f [FILOS]

Ciencia que trata sobre o ser. Se por ser se entende o que é e se amplía a todo o que pode ser, a ontoloxía aspira a un carácter de ciencia universal, xa que engloba toda realidade e posibilidade. Neste senso, a palabra ontoloxía empregouse por primeira vez a comezos do s XVII como sinónimo de metafísica e, pouco despois, a partir de C. Wolff denominou a metafísica xeral, en oposición á metafísica especial que se limitou á psicoloxía, cosmoloxía e teodicea. A neoescolástica rexeitou que a psicoloxía e a cosmoloxía fosen tratados metafísicos e mantivo a división da antiga metafísica, de raíz aristotélica, entre ontoloxía e teodicea. Respecto ao contido, as ontoloxías que se poden chamar clásicas, tanto escolásticas coma racionalistas, céntranse no estudo do ser (realidade, nada, posibilidade, devir), da súa constitución (acto-potencia, esencia-existencia) e tamén das propiedades comúns a todo ser ou atributos transcendentais (unidade, verdade, bondade e, en ocasións, beleza) e dos primeiros principios (identidade, non-contradición, razón suficiente, causalidade). O criticismo kantiano revelou a posibilidade de que metafísica e ontoloxía fosen as verdadeiras ciencias teoréticas, pero I. Kant, na súa Kritik der reinen Vernunft, deixou subsistir unha certa ontoloxía baixo o nome de lóxica transcendental. G. W. F. Hegel recolleu na súa lóxica este residuo ontolóxico da crítica kantiana e ampliou novamente a teoría xeral do obxecto. Despois del, as cuestións ontolóxicas foron case abandonadas ata que, xa no s XX, volveron ser consideradas, sobre todo grazas a N. Hartmann e M. Heidegger. A actitude antimetafísica do neopositivismo, ou positivismo lóxico, revelouse na doutrina de R. Carnap.

Palabras veciñas

Ontinyent | onto- | ontólogo -ga | ontoloxía | ontolóxico -ca | ontoloxismo | ontoteoloxía