ontoteoloxía

ontoteoloxía

(< onto- + teoloxía)

s f [FILOS]

Termo concibido por Heidegger que designa a súa intención de superar a tradicional separación entre teoloxía e ontoloxía, para acadar o verdadeiro obxecto da metafísica. Este tema constitúe a segunda parte da obra Identität und Differenz (Identidade e diferenza, 1957). Ontoloxía e teoloxía comparten para Heidegger un carácter común que as diferenza de todas as outras ciencias, xa que mentres que as outras ‘loxías’ fan referencia a un conxunto de enunciacións, a ontoloxía e a teoloxía só o son na medida en que afondan no ser como tal e o fundamentan na totalidade, co que se constitúen na lóxica de todo discurso. A ontoloxía e mais a teoloxía, se ben aparentemente son diferentes, en realidade son complementarias e rematan formando unha unidade. Pódese falar, polo tanto, da constitución ontoteolóxica da metafísica. A importancia deste concepto foi decisiva na filosofía de finais do s XX e vinculouse á noción de diferenza, sobre a que se fundamentou o deconstrucionismo. Por outra banda, a noción de ontoteoloxía foi un dos máis poderosos instrumentos hermenéuticos dos que dispuxo a revisión da historia da filosofía desde un punto de vista heideggeriano. Outras elaboracións feitas desde o ámbito da fenomenoloxía sitúanse nunha posición crítica respecto desta noción.

Palabras veciñas

ontoloxía | ontolóxico -ca | ontoloxismo | ontoteoloxía | ontoxénese | ontoxenético -ca | ontoxenia