Orfeón Terra A Nosa
Formación coral que fundou Manuel Feijoo en Santiago de Compostela en 1966. Desde os seus inicios contou cun número variable de voces mixtas e o asesoramento musical de Nemesio García Carril. A súa actividade artística oriéntase a repertorios de música sinfónica coral e operística, e entre os seus obxectivos están a consolidación dun gran coro sinfónico galego, a formación de novas voces corais e o fomento da cultura. Realizou actuacións en distintos países como Alemaña, Francia, Inglaterra ou Italia. Destaca a súa colaboración con outras agrupacións como a Orquestra Sinfónica de Galicia ou a Real Filharmonía de Galicia. Participou na gravación de numerosos discos de música galega, relixiosa e lixeira, e entre os numerosos premios que recibiu destacan o segundo Premio Nacional de Habaneras (1970), o Premio de Masas Corales Gallegas (1975), o Premio Nacional de Polifonía (1974 e 1980), o Premio da Crítica de Galicia (1992) ou a Medalla de Prata ao Mérito Artístico da Cidade de Santiago (1994).