Oriente
Conxunto de rexións ou territorios orientais. O termo oriente serve para designar unha das dúas partes en que, á morte de Teodosio, foi dividido o Imperio Romano, que se chamou Imperio Romano de Oriente, e que equivale ao Imperio Bizantino. A expresión Oriente cristián designa as igrexas que estaban incluídas no Imperio Romano de Oriente, ademais das implantadas nos dominios do Imperio Persa e das terras máis afastadas evanxelizadas por estas Igrexas Orientais. A expresión Extremo Oriente designa as terras máis orientais de Asia e Oceanía. No campo histórico-lingüístico, o nome de Oriente Próximo ou Oriente Medio é o que lle deron os primeiros xeógrafos europeos á zona da marxe L do Mediterráneo. Actualmente, refírese aos estados de Turquía, Siria, Líbano, Israel e Exipto, aínda que os estados incluídos poden variar segundo o punto de referencia ou contexto. Co termo Antigo Oriente desígnanse os pobos e as civilizacións anteriores á civilización grega.