ourizo

ourizo

(< lat ericĭu)

  1. s m [BOT]

    Cuberta espiñosa que envolve algúns froitos, principalmente as castañas.

    Sinónimos: orizo.
  2. [ANIMAL]
    1. s m

      Mamífero insectívoro de pequeno tamaño, da familia dos erinaceidos, que ten as partes superior e laterais do seu corpo cubertas de pugas, e é coñecido polo andar lento e a facultade de enrolarse. Existen diversas especies de ourizos e en España os principais representantes son o ourizo cacho ou europeo (Erinaceus europaeus) e o ourizo mediterráneo (Atelerix algirus). Cando se senten ameazados fan de si mesmos unha bóla, e ameazan coas pugas ao atacante. Aliméntanse, sobre todo, de froitos e pequenos invertebrados.

      Sinónimos: orizo.
    2. ourizo cacho/común/ europeo [Erinaceus europeus, Fam dos erinaceidos]

      Ourizo común moi estendido por Galicia e pola Península Ibérica. Mide entre 22-35 cm de lonxitude, cunha cola curta de 2-3 cm e un peso de entre 400 e 1.900 gramos. Ten o corpo recuberto de pugas duns 2-2,5 cm de lonxitude, que lles permite defenderse dos seus inimigos, tras formar unha bóla co seu corpo, grazas a uns potentes músculos cutáneos. A súa dentadura é insectívora, pero a súa dieta en realidade é omnívora, xa que se alimenta de insectos, substancias vexetais, miñocas de terra, caracois e lesmas, ovos, aves pequenas e novas, serpes, lagartas e tamén de pequenos roedores, como o rato de campo ou o furaño, de aí que sexa apreciado no rural, polos grandes servizos que achega ao agro. Habitan en bosques claros, en zonas de matogueira e en pradarías, de Europa e Asia. Na Península Ibérica existen dúas subespecies, que poden diferenciarse, principalmente, pola presenza nas espiñas de aneis de diferentes cores. OBS: Tamén se denomina orizo cacho e porco espiño.

  3. [ANIMAL]
    1. s m

      Equinodermo da clase dos equinoideos, que se caracteriza por ter o corpo globoso ou hemisférico, formado por un dermatoesqueleto de placas mineralizadas unidas rixidamente entre elas, e que se dividen en 10 áreas (5 áreas ambulacrais, perforadas por unha serie de poros, e 5 áreas interambulacrais). Na zona oral está a lanterna de Aristóteles, que lles permite triturar o alimento, e na zona aboral, rodeando o ano, existen 5 placas xenitais (que coinciden coas áreas interambulacrais) e 5 placas ocelares (que coinciden coas áreas ambulacrais). Tamén ten unha serie de pugas móbiles, longas ou primarias e curtas ou secundarias, que están distribuídas por todo o corpo e articuladas co caparazón, e uns pés ambulacrais situados nas áreas ambulacrais. Ocupan a franxa costeira desde a zona intermareal ata profundidades de 80 m. Aliméntase de todo tipo de materia orgánica, animal ou vexetal, viva ou morta, xeralmente de noite, cando poden esquivar mellor os depredadores. En Galicia, o Paracentrotus lividus, captúrase para o consumo humano, xa que del se comen as gónadas cando están maduras. As outras dúas especies de ourizos presentes, e sen interese comercial, son Echinus esculentus e Spharechinus granularis.

      Sinónimos: orizo.
    2. ourizo de area [Echinocardium cordatum, Fam dos lovénidos]

      Ourizo irregular, xa que presenta unha simetría bilateral e non radial como os outros ourizos, cun caparazón cordiforme, máis longo que ancho, de ata 9 cm de lonxitude, pugas maioritariamente curtas e de cor parda amarelada. Atópase en substratos areosos, na zona infralitoral, ata os 200 m de profundidade, no Mediterráneo, Atlántico, mar do Norte e Océano Pacífico.

    3. ourizo de mar común [Paracentrotus lividus, Fam dos equínidos]

      Ourizo cun caparazón de ata 6 cm de diámetro de cor verde violácea, pugas de aproximadamente 3 cm, de cor variable entre verde e parda, e unha abertura oval estreita. É o ourizo economicamente máis importante en Galicia, España e Francia, xa que os seus ovos son moi aprecidados. A súa área de distribución abarca a totalidade do Atlántico Norte, desde as costas de Escocia ata as de Marrocos, e adéntranse no Mediterráneo ata o Mar Adriático. Pode atoparse sobre fondos rochosos cubertos de algas, e en fondos areosos con corais, ata os 80 m de profundidade. É máis activo pola noite, e aliméntase de algas e plantas do xénero Posidonia. Reprodúcese todo o ano, pero sobre todo en verán.

  4. s m [PLANTA]

    Arbusto, da familia das papilonáceas, pequeno e moi espiñento.

    Sinónimos: orizo.

Formas incorrectas

urizo

Palabras veciñas

ouriza | ourizada | ourizame | ourizo | ouro | Ouro | Ourol