ouro

ouro

(< lat auru)

    1. s m [QUÍM/IND]

      Elemento metálico que pertence ao grupo I B da táboa periódica. Atópase na natureza no seu estado elemental, ten unha cor amarela característica, e é o máis dúctil e maleable dos metais. Tamén é un dos máis estables, xa que non se combina directamente co osíxeno a ningunha temperatura, e resiste a case todos os ácidos. O ouro forma aliaxes coa maioría dos metais, das que destacan as que forma coa prata e o cobre e forma dúas series de compostos, esencialmente covalentes, coas valencias 1 e 3. Os únicos derivados coñecidos do ouro I son os haluros e o cianuro, moi inestables, que se descompoñen dando ouro metálico. Doutra banda, o ouro I ten unha gran tendencia a formar complexos, como [AuCl 2 ] - e [Au (CN) 2 ] - . Os derivados do ouro III son tamén inestables e existen de maneira exclusiva en forma de complexos en que se atopa tetracoordinado. O ouro extráese das areas auríferas dos aluvións despois de sucesivos lavados e cribados ou dos filóns das rochas auríferas, por trituración das mesmas e posteriores operacións de amalgamación ou de cianuración. Despois de obterse por calquera método refínase por copelación, por tratamento con ácidos, especialmente o sulfúrico, ou por afinación electrolítica. A pureza ou lei do ouro exprésase en quilates ou, máis modernamente, en milésimas. Ademais de en xoiaría, emprégase aliado coa prata para certas pezas de material eléctrico, con prata e cobre en soldadura, e con níquel, cinc, magnesio, cobre e prata para instrumentos de física e de reloxaría. A existencia de ouro nativo e a súa maleabilidade foron a causa de que este fose o primeiro mineral que utilizou o home. No transcurso do Neolítico apareceu a ourivaría e producíronse as xoias, como as figuras e os vasos atopados en Ur ou Micenas. No segundo milenio a C, comezou a competir co cobre ou a prata como patrón de valor e lingotes e discos de ouros selados prefiguraron as moedas feitas a base deste metal que apareceron nas monarquías de Persia e Macedonia. Co Imperio Romano formulouse o problema de que a moeda de ouro se estendese a unha vasta unidade económica, para o que se fixo necesario utilizar todos os xacementos e as minas explotadas anteriormente e outras novas. En Galicia os romanos atoparon unha gran riqueza mineira, que os levou á explotación a grande escala dos seus xacementos, que estaban principalmente nas concas do Miño e do Sil, en Barbantes e en Montefurado. Esta situación durou ata finais do s II, cando a importancia das explotacións se reduciu debido á escaseza de man de obra e ao esgotamento do mineral. Boa parte do ouro romano dirixíase cara a Extremo Oriente, onde era a única mercadoría aceptada a cambio de produtos de luxo. As invasións dos bárbaros puxeron fin á minaría de ouro do Occidente europeo. O Imperio Bizantino conservou a acuñación de moedas de ouro, como tamén o fixeron os musulmáns. A busca de ouro foi tamén unha das primeiras causas das viaxes de C. Colón. Castela, durante a primeira etapa da conquista americana, explotou o ouro das Antillas. Nesta primeira fase de explotación dos metais preciosos, o ouro ocupaba o primeiro lugar, pero axiña, a partir de 1530, a prata comezou a ter un papel dominante. Ao comezo do s XVIII producíronse as grandes descubertas auríferas de Brasil e a principios do s XIX a produción de ouro non gardaba paridade coas necesidades da economía mundial, o que contribuíu á depresión económica e ao afundimento dos prezos entre 1814 e 1850. Pero, a mediados do s XIX, a situación cambiou radicalmente, grazas ás descubertas de California (1848) e Australia (1851). Estas novas fontes de mineral precioso sostiveron a alza dos prezos ata 1870, data en que comezou a declinar a explotación das novas minas. Ao final do s XIX volvéronse producir novos achados en Alasca e na rexión canadense do Klonde (1896-98) e case ao mesmo tempo produciuse a entrada en plena produción dos ricos xacementos surafricanos de Witwatersrand. En 1946 a produción mundial era aproximadamente de dous terzos da preguerra: 68 t e despois, o crecemento foi rápido, ata acadar (1966) un máximo de 1.693 t, que a baixada dos prezos non permitiu manter. A primeira crise petroleira acentuou a mingua, que se reafirmou na de 1980, pero que comezou a cambiar de tendencia en 1984. As tres cuartas partes foron absorbidas pola industria (xoiaría, química, odontoloxía), e o resto para a tesourización. O incremento no prezo do ouro produciu un aumento da produción e foi a imposibilidade de dispor das cantidades suficientes de ouro o que ocasionou a substitución do ouro acuñado por outros metais menos nobres e posteriormente a utilización xeneralizada de billetes, os que conservaron sempre, unha certa relación co ouro, aínda que fose teórica. Pola contra, as funcións do ouro como fonte de reserva e de referencia monetaria mantivéronse no pagamento das transaccións internacionais ata finais da Primeira Guerra Mundial. Esta insuficiencia provocou a adopción dun sistema internacional con referencia a un valor fixado do ouro (Gold Exchange Standard) ou doutras moedas internacionais que se consideraban equivalentes ao ouro nunha relación fixa. Despois da Segunda Guerra Mundial, e segundo o acordo de Bretton Woods (EE UU), os réximes de intercambio a nivel internacional buscáronse nunha referencia fixa do prezo do ouro con dúas moedas convertibles: o dólar USA e a libra esterlina. A causa da crise monetaria internacional iniciada a finais dos anos sesenta, actualmente xa non existen moedas convertibles, e os sistema de paridades fixas substituíuse polo de flutuación das moedas.

    2. ouro líquido [QUÍM]

      Suspensión de ouro finamente dividido en aceites vexetais que se emprega en decoración.

    3. ouro negro [IND/QUÍM]

      petróleo.

    4. tiomalato de sodio e ouro [NaOCOCH(SAu)CH 2 COONa] [QUÍM]

      Sólido en forma de pos amarelos, sensibles á luz e moi solubles en auga.

    5. tricloruro de ouro [AuCl 3 ] [QUÍM]

      Sólido cristalino, vermello en estado anhidro e amarelo en forma hidratada, que se descompón a 254°C. Obtense pola acción da auga rexia sobre o ouro.

  1. s m

    Cor amarela moi parecida á do ouro.

    Ex: A rapaza tiña un pelo de ouro.

  2. s m

    Conxunto de obxectos de ouro.

    Ex: Non sabe que xoia poñer con todo o ouro que ten.

  3. s m

    Cousa moi valiosa ou que ten un prezo moi alto.

    Ex: As verzas en xaneiro son ouro.

  4. s m

    Riqueza, cantidade de cartos ou pertenzas que ten alguén.

    Ex: Fixo moito ouro cando estivo en Arxentina.

  5. s
    1. pl

      Un dos catro paus da baralla, que se representa por moedas de ouro.

    2. Naipe deste pau.

Frases feitas

  • A prezo de ouro loc adv A un prezo moi alto.

Palabras veciñas

ourizada | ourizame | ourizo | ouro | Ouro | Ourol | Ourol