País, El

País, El
[PUBLIC]

Xornal de información xeral publicado en Madrid a partir do 4 de maio de 1976. Deseñado polo alemán Reinhard Gäde, o éxito da súa maqueta fixo que moitos xornais da época seguiran o seu estilo formal e austero de influencia xermana. Definido como independente, desde os seus inicios tivo unha clara vocación europea e un compromiso coa orde democrática e legal establecida pola Constitución de 1978. A súa aparición significou un cambio no xornalismo en España en canto ao deseño, debido ao emprego do tamaño tabloide, en oposición á saba, usada no resto de Europa para este tipo de publicacións de información xeral. Respecto aos contidos e á maquetación, supuxo tamén unha innovación polo emprego dunha soa familia tipográfica e pola introdución das seccións de sociedade e cultura. A súa rápida aceptación fixo del un órgano de reflexión para a nova sociedade española da transición e puxo os piares para a constitución dun novo grupo de comunicación, o Grupo PRISA, creado por Jesús de Polanco. Ao seu éxito tamén contribuíu o traballo de dous dos seus directores, Juan Luis Cebrián e Jesús Ceberio.