Panteón de Roma

Panteón de Roma

Templo dedicado a todos os deuses construído por Agripa no Campo de Marte en Roma. Foi destruído por un incendio (80) e restaurado por Domiciano; posteriormente, en 110, foi novamente destruído e Adriano, Setimio Severo e Caracalla reedificárono. Consta dun corpo cilíndrico precedido por un pórtico, que está sostido por columnas corintias monolíticas dispostas de xeito que limitan tres naves: na central ábrese a porta e as laterais rematan en nichos que acollían as estatuas de Augusto e Adriano. O espazo circular cóbrese cunha cúpula semiesférica perfecta pois a súa altura e o seu diámetro son iguais (43,30 m). Érguese sobre unha estrutura interior de arcos de descarga. O interior está casetonado e ten un óculo central de 9 m de diámetro. Os muros están organizados en sete nichos alternando con oito edículos, que estaban ocupados por estatuas dos deuses. No ano 609 consagrouse como igrexa cristiá dedicada á Virxe e aos mártires (Sancta Maria ad Martyres), e sufriu varias innovacións que non afectaron á súa estrutura nin á súa forma. Capela palatina do Reino de Italia, conserva os restos mortais de Raffaello Sanzio e dos reis Vítor Manuel II e Humberto I.