partimen
(
Xénero da poesía trobadoresca que constitúe un diálogo en cobras alternas entre dous ou máis trobadores. O que toma a palabra preséntalle ao seu adversario un problema amoroso que pode ter dúas solucións e comprométese a defender sempre a alternativa contraria á escollida polo seu interlocutor. Esta característica diferénciao da tenzón, pois esta nunca comeza dando unha disxuntiva entre dúas cuestións. O esquema métrico habitual para este tipo de composición son as cobras dobras. Na lírica galego-portuguesa só se conservan dous exemplos “Pedr’Amigo, quer’ ora ua ren”, da autoría de Johan Baveca e Pedr’Amigo de Sevilha; e “Don Garcia Martijz, saber”, de Pero da Ponte e Garcia Martinz, localizados nos cancioneiros da Biblioteca Nacional de Lisboa e da Vaticana e que puideron ser compostos na segunda metade do s XIII na corte de Afonso X. OBS: Tamén se denomina joc partit.