Pastoriza, Nosa Señora de
Santuario situado en Pastoriza (Arteixo). O templo ten restos da edificación orixinal datada no s XIII pero predomina o estilo barroco do s XVII. Ten planta cunha soa nave con dúas capelas laterais. As obras da nave iniciáronas os mestres Domingos Pérez de Noicela e Francisco de Lista cara a 1686 e a escultura da fachada executouna Brais do Pereiro. A partir de 1690 dirixiu as obras o mestre Domingos de Maceiras, que se encargou da parte da cabeceira. A fachada estrutúrase en tres corpos independentes que rematan en campanario. No interior do templo destaca o retablo barroco e a imaxe da Virxe do s XIII. A lenda conta que para evitar que a imaxe fose roubada durante as incursións dos piratas do s XVI, foi escondida baixo unha pedra preto do santuario. Con todo, en 1599 F. Drake raptouna e decapitouna e desde entón a cabeza gárdase nun relicario no templo. No outono celébrase unha romaría coa peregrinación á pedra onde se refuxiou a imaxe.