Patronato Rosalía de Castro

Patronato Rosalía de Castro

Fundación constituída en Santiago de Compostela o 15 de novembro de 1947 por prestixiosos intelectuais e galeguistas, como Manuel Beiras García, Fermín Bouza Brey, Felipe R. Cordero Carrete, Xesús Ferro Couselo, Antonio Fraguas Fraguas, Manuel Gómez Román, Aquilino Iglesia Alvariño, Luís Iglesias Iglesias, Xaime Isla Couto, Xosé Mosquera Pérez, Ramón Otero Pedrayo, Paulino Pedret Casado e Xose Villar Granjel, que nomearon presidente a Luís Iglesias Iglesias, daquela reitor da Universidade de Santiago de Compostela. Os seus obxectivos eran adquirir a casa onde Rosalía de Castro viviu os seus últimos anos e cuidar do seu mausoleo, co compromiso engadido de celebrar anualmente as conmemoracións do seu nacemento e a súa morte. As misas por Rosalía, que se celebraban cada 25 de xullo, convertéronse durante o Franquismo nun acto público en que se consentía o emprego do galego e as reivindicacións nacionalistas. En 1951 accedeu á presidencia Xoán Gil Armada, e sucedérono Xosé Mosquera Perez (1961-1965) e Octavio Sanmartín Domínguez (1965-1970). En 1970 a xunta deu paso a unha nova presidida por Agustín Sixto Seco, que acometeu a restauración da casa en 1971, financiando as obras mediante unha subscrición popular. Potenciáronse as publicacións e converteuse a chamada Casa da Matanza nun museo en que se recuperaron enseres e obxectos persoais da escritora. Posteriormente creouse o Centro de Estudios Rosalianos nunha casa contigua e que se ocupa do estudo e a divulgación da obra rosaliana por todo o mundo. Cada 15 de xullo conmemórase o pasamento de Rosalía. En 1995 transformouse na Fundación Rosalía de Castro. Á morte de Sixto Seco (2004), accedeu a presidencia de xeito interino, Carlos Baliñas Fernández. Recibiu o Premio Otero Pedrayo (1977), o Premio Castelao do Centro Galego de Bos Aires (1979) e a Medalla de Prata de Galicia (1995).