PEN Club de Galicia
Asociación de escritores galegos creada como iniciativa de 27 autores o 10 de maio de 1989. Previamente, en abril de 1977 e co apoio do PEN Club catalán, un total de 47 autores galegos pediran a creación da sección galega do Internacional PEN, que non foi aceptada. A partir de 1990, xa como asociación recoñecida polo Ministerio do Interior, participou en diferentes eventos do PEN Club International, como a organización do LX Congreso Internacional celebrado en Santiago de Compostela en 1993 e no que participaron máis de 500 escritores. Presidido por Alfredo Conde (1990-1991), Úrsula Heinze (1991-1996), Carlos Casares (1996-1999) e Luís González Tosar, ademais de promocionar actos literarios, defende a liberdade de escritores represaliados e os dereitos lingüísticos dos pobos. Instituíu o Premio Rosalía de Castro para homenaxear a escritores doutras linguas da Península Ibérica.