péndulo

péndulo

(

  1. s m [FÍS]

    Sistema físico formado por un corpo material que oscila arredor dun eixe horizontal que non pasa polo seu centro de gravidade. Co fin de establecer as leis do péndulo, idealizouse o chamado péndulo simple ou matemático, que consiste nun punto material que pende dun fío inextensible e sen peso, fixado nun punto inmóbil. Para oscilacións de pequena amplitude, o movemento do péndulo segue un movemento harmónico simple. No péndulo físico ou real a masa non se concentra nun punto, senón repartida nun certo volume. Presenta dous puntos de suspensión diferentes que lle dan o mesmo período de oscilación, e a distancia entre estes puntos é a lonxitude equivalente do péndulo físico. O péndulo reversible de Kater compórtase coma un péndulo simple de lonxitude igual á distancia entre os dous puntos de suspensión. Coa axuda do péndulo, demóstrase a rotación da terra (experimento de Foucault). O péndulo utilízase como órgano regulador dos reloxos fixos, xa que unha oscilación completa dura sempre o mesmo tempo.

  2. péndulo balístico [MAT/BÉL]

    Dispositivo, ideado polo matemático inglés Benjamin Robins en 1742, que permite determinar a velocidade dun proxectil disparado contra el, a partir da desviación que sofre a causa do impacto.

  3. péndulo de torsión [FÍS]

    Sistema que está constituído por un sólido suspendido dun fío moi delgado, xeralmente metálico, que oscila arredor do eixe constituído polo fío baixo a influencia da torsión do mesmo.

  4. péndulo eléctrico [TECNOL/FÍS]

    Electroscopio que está constituído por unha pequena bóla de cortiza ou de sabugueiro, suspendida cun fío de seda. Se se electriza previamente a bóla, ao achegarlle un corpo electrizado será atraída ou repelida por este, cousa que permite detectar o signo da carga do corpo.

  5. péndulo sideral [ASTRON]

    Reloxo maxistral que, nos observatorios astronómicos, serve para sinalar o tempo sideral.

  6. péndulo TRRL [FÍS/CONSTR]

    Aparato que se utiliza para medir o coeficiente de fricción lonxitudinal dun pavimento.

Palabras veciñas

péndula | pendular | pendullo | péndulo | pendulón | pendurar | pene