personalidade

personalidade

(< lat tardío persōnalitate)

  1. personalidade de base
    1. s f [PSIC]

      Organización dinámica e integradora dos compoñentes psicolóxicos (intelectuais, afectivos e pulsionais) e biolóxicos (fisiolóxicos e morfolóxicos) do individuo humano, tanto nas súas características diferenciais permanentes (carácter, temperamento e constitución) como nas súas propias modalidades de comportamento (intereses, necesidades, etc). Pódense ordenar as diferentes teorías da personalidade segundo tres grupos principais: o primeiro, o das teorías tipolóxicas que están baseadas na fisioloxía e química corporais (antiga doutrina dos humores, teoría moderna do equilibrio endocrinolóxico) ou na forma física dos corpos (tipoloxías de Kretschmer, Scheldon, etc); o segundo é o das teorías que describen as variedades da personalidade segundo varias escalas de clasificación, cada unha das que representa un trazo (clasificacións de Allport, Cattell, etc) e o terceiro, o das teorías que identifican a personalidade co desenvolvemento do individuo a partir da súa propia experiencia (teoría psicanalítica, estruturalista, etc).

    2. s f

      Calidade ou circunstancia de ser unha determinada persoa.

      Ex: Non se sabe a personalidade dos detidos.

      Confrontacións: identidade.
    3. s f

      Conxunto de trazos característicos dunha persoa que a distinguen das demais.

      Ex: A súa forte personalidade axudoulle nos momentos máis difíciles.

    4. s f

      Maneira de ser dunha persoa que ten o carácter moi acusado.

      Ex: Ten moita personalidade para ser tan pequeno.

  2. s f

    persoeiro.

  3. personalidade civil [DER]

    Conxunto de datos relativos a unha persoa en virtude dos que esta se diferenza de calquera outra no ámbito da sociedade. Integran a personalidade civil o nome e o apelido da persoa, o lugar e a data de nacemento, o estado civil e o domicilio.

  4. personalidade xurídica [DER]

    Capacidade que ostenta unha persoa xurídica para ser suxeito de todas as relacións de dereito, exceptuadas as propias da natureza humana (parentesco ou matrimonio).

Palabras veciñas

persona non grata* | personada | personado | personalidade | personalismo | personalista | personalización