Planaria
Planaria
[ANIMAL]
Xénero de platihelmintos turbelarios, da orde dos tricládidos, que inclúe especies pequenas (de 1 a 2 cm), de corpo aplanado, con lixeiros relevos na rexión da farinxe e do órgano copulador, e coa extremidade caudal obtusa e a cefálica redondeada ou triangular. Teñen dous ollos na rexión anterior dorsal e a boca sitúase na parte do ventre, na metade inferior. Reprodúcense asexualmente por escisión e teñen unha gran capacidade de rexeneración. Son moi frecuentes en auga doce, onde habitan entre a vexetación e os lugares máis escuros.