Polonia, Campañas de
Operacións bélicas realizadas no territorio polaco durante as dúas guerras mundiais. A primeira campaña, iniciada polos austrohúngaros, tentou a ocupación da Polonia rusa; durou desde agosto de 1914 ata a primavera de 1915, cando os imperios centrais ocuparon Polonia e Lituania. A segunda tivo lugar no mes de setembro de 1939, sen previa declaración de guerra, cando as forzas alemás ocuparon a maior parte de Polonia, mentres que o exército soviético ocupaba as provincias orientais do país. Na terceira campaña, os habitantes de Varsovia rebeláronse contra os invasores nazis (1 de agosto de 1944) e loitaron ata o 2 de outubro, cando, sen obter axuda exterior efectiva, tiveron que capitular. Os exércitos rusos, coa colaboración dos partisanos, realizaron a liberación de Polonia do dominio nazi entre xaneiro e marzo de 1945.