Portela Valladares, Manuel
Político e xornalista. Licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela (1889) e instalouse en Pontevedra, onde foi redactor do Diario de Pontevedra, xuíz municipal e decano do Colexio de Avogados (1898). En 1899 ingresou no corpo de rexistradores da propiedade e instalouse en Madrid. Entrou na política da man de Montero Ríos e foi deputado polo Partido Liberal polo distrito da Fonsagrada (1905-1923). Afastouse do seu protector e relacionouse con Basilio Álvarez, entre outros, ata chegar a ser un dos cofundadores da Liga Agrario-Redencionista (1910), que presidiu. Xosé Canalejas Méndez nomeouno gobernador civil de Barcelona (1910-1911), onde reprimiu con dureza as axitacións obreiras, e fiscal do Tribunal Supremo (1912). En 1923 foi ministro de Fomento. Participou na fundación en Vigo do xornal El Pueblo Gallego (1924), no que colaboraban republicanos e nacionalistas. En 1930 foi un dos promotores do Pacto de Barrantes. Coa chegada da Segunda República Española ingresou na ORGA, foi deputado por Lugo (1931-1933) e apoiou a campaña a prol do Estatuto de Galicia. Foi gobernador xeral de Catalunya (1934) unha vez disolta a Generalitat. Evolucionou cara a un republicanismo moderado e foi ministro de Gobernación (1935) con Alejandro Lerroux García e presidiu dous gobernos (1935-1936), nomeado por Niceto Alcalá Zamora. Fundou o Partido de Centro, para crear unha forza disuasoria entre a dereita e o Frente Popular, e foi elixido deputado por Pontevedra (1936). Organizou un goberno centrista, sen radicais e sen a Confederación Española de Derechas Autónomas (CEDA). Convocou as eleccións xerais de febreiro de 1936 nas que triunfou o Frente Popular e dimitiu. Ao producirse o alzamento do 18 de xullo, estaba en Barcelona e ofreceuse ao xeneral Franco, pero finalmente partiu cara a Niza onde se instalou e permaneceu ata 1937. Volveu a València e púxose ao servizo do goberno de Juan Negrín López, pero non chegou a desenvolver ningunha actividade política e regresou a Francia pouco despois. Durante a invasión nazi de Francia foi perseguido pola Gestapo e apresado, e aínda que España solicitou a súa extradición, non lle foi concedida. En Francia presidiu o Broque Repubricán Nazonal Galego. Escribiu Momentos de Galicia (1922) e Unificación y diversificación de las nacionalidades (1932) e diferentes artigos (“Encol da lingua galega”, 1923 e “El agrarismo gallego”, 1925). Postumamente, publicáronse Memorias: dentro del drama español (1988) e A Nosa Terra e Nós: escritos en galego (1992).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Pontevedra -
Deceso
Lugar : Bandol, Francia