Post-Vulgata
ersión anónima que trata temas artúricos, escrita entre 1230 e 1240 e constituída pola Estoire du Saint Graal, Merlin, Suite du Merlin, La quête du Saint Graal e La mort du roi Arthur. Baseada nunha compilación anterior coñecida como Vulgata (1215), á súa vez todas estas versións teñen como posible orixe o opúsculo Prophetiae Merlini (1134?) e a Historia Regum Britaniae (1138?), escritos polo clérigo galés Godofredo de Monmouth, e algunhas narracións de Chrétien de Troyes. De grande influencia na Península Ibérica, coñeceuse a través dunha copia que trouxera á corte castelá Leonor de Plantagenet, filla de Enrique II de Inglaterra e muller de Afonso VII. O protagonista das accións é o Graal, que comeza a narración, e que continúa coa historia de Merlín, o reinado de Artur, a demanda do Graal e a morte, nunha versión reducida, de Artur. No ámbito da lírica galego-portuguesa, en concreto no Cancioneiro da Biblioteca Nacional, hai constancia da existencia de cinco lais que tratan lendas artúricas. Por outra banda, nas cantigas atribuídas a Afonso X hai referencias a Tristán e nas Cantigas de Santa María menciónase o Rei Artur e Merlín. En canto á prosa, en galego-portugués localizáronse textos referidos a Xosé de Arimatea e á demanda do Santo Graal, o que evidencia o coñecemento da materia de Bretaña na lírica galego-portuguesa e a influencia que a Vulgata e a Post-Vulgata puideron exercer na mesma.