Preescolar na casa

Preescolar na casa

Programa que se desenvolve en Galicia desde 1977. É un servizo que se organiza para contribuír á formación dos pais co fin de axudar a desenvolver plenamente as capacidades dos seus fillos a través da reflexión sobre o acontecer da vida diaria, apoiando e dando seguridade ás familias na educación e crianza dos seus fillos nos primeiros anos de vida. Para promover esta educación familiar realízanse reunións de nenos e adultos en centos de localidades da maioría dos concellos de Galicia, con periodicidade semanal ou quincenal. Foi fundado por Antonio Gandoy Díaz, o cura da bicicleta, como acción rexional de Cáritas, logrando un crecente apoio das administracións. Os seus principios de actuación son: a) a cultura e o saber son imprescindibles; b) os primeiros anos de vida son decisivos e os nenos non agardan por respostas futuras; c) os pais son insubstituíbles no proceso educativo; d) apostar por un desenvolvemento rural cun nivel de vida digno dos seus habitantes, revalorizando a súa identidade e promovendo a súa autoestima. Nos primeiros anos dirixíase ás familias de nenos e nenas de 5 e 4 anos sen escolarizar, e pretendía compensar os efectos da falta de educación “preescolar”; nas dúas últimas décadas case a totalidade dos que participan neste programa son nenos e nenas de menos de 3 anos e as súas familias e céntrase na orientación no coidado e educación de nenos pequenos. A súa vixencia e necesidade faise visible non só nos ambientes rurais, senón tamén en vilas e cidades. Nas reunións periódicas veñen participando unha media de 5.100 familias por ano. Como apoio da súa acción e medio de divulgación da Educación Infantil Familiar, publica unha revista mensual, emite un programa semanal na televisión de Galicia, e outro semanal en diversas radios. Dispón dunha páxina Web e dun espazo no Teletexto da Televisión de Galicia.

Palabras veciñas

preeminente | preempción | preescolar | Preescolar na casa | preestabelecer | preestablecer | preexistencia