psicoloxía
(< psico- + -loxía)
-
s
f
[PSIC]
Ciencia que estuda a conduta e os estados de consciencia ou procesos mentais relacionados con ela, das persoas, consideradas individualmente ou como membros dun grupo social. Pódense distinguir dúas épocas na súa historia, diferenciables tanto polo contido como polo método. A psicoloxía clásica, ou psicoloxía racional, comportaba unha sistematización dos datos empíricos a partir duns presupostos puramente filosófico-metafísicos. A psicoloxía moderna, en cambio, arrinca do método cuantitativo experimental e pode subdividirse na denominada psicoloxía das escolas (o condutismo, a psicanálise, o funcionalismo e o estruturalismo, entre outros) e unha máis sintética e, asemade, máis especializada, psicoloxía contemporánea. Polo que respecta aos métodos ou ás técnicas cómpre destacar os de carácter clínico e os de carácter experimental. Debido á crecente especialización da psicoloxía e á interrelación entre as especialidades, é difícil de establecer unha enumeración das diversas ramas e manifestacións. Segundo o obxecto material pódese distinguir entre psicoloxía individual, centrada na persoa como individuo, e psicoloxía social, que estuda a interrelación do individuo e do grupo social, cunha intensa interrelación coa socioloxía; así como a psicoloxía infantil, á que corresponde tanto a psicoloxía evolutiva como a psicoloxía xenética ou do desenvolvemento intelectual; pódese mencionar, finalmente, a psicoloxía patolóxica ou psicopatoloxía. Segundo o seu obxecto formal, a psicoloxía pódese dividir, por unha banda, en psicoloxía xeral, cando pretende establecer as leis xerais do comportamento e da consciencia humana; psicoloxía diferencial, cando estuda as características psíquicas dun individuo (psicoloxía médica) ou dun grupo de individuos, e psicoloxía comparada como estudo comparativo dos estados de consciencia e dos tipos de comportamento en diferentes grupos sociais, razas ou mesmo estadios da vida; e, por outra banda, pódese subdividir tamén en psicoloxía teórica, que trata de establecer as leis que explican os fenómenos psíquicos coñecidos, e psicoloxía aplicada, que se serve destas leis para actuar nun terreo concreto (psicoloxía industrial, psicoloxía escolar, psicopedagoxía e outras). Segundo o seu método distínguense varias especialidades: a psicoloxía clínica, que ten como obxectivo o estudo da diagnose, o tratamento e a prevención de enfermidades mentais; a psicoloxía da introspección, centrada no estudo dos fenómenos conscientes non exteriorizados no comportamento e que tivo continuadores na denominada psicoloxía fenomenolóxica, ou psicoloxía da observación; a psicoloxía experimental, que estuda os fenómenos psíquicos servíndose do laboratorio e da psicometría; a psicoloxía fisiolóxica ou psicofisioloxía; a psicoloxía analítica; e, finalmente, a psicoloxía profunda, baseada na psicanálise freudiana, que procura a explicación dos procesos anímicos inconscientes.
-
s
f
-
Todo o que se refire ou pertence á alma ou psiquismo do home ou ao principio dos animais.
-
Conxunto de trazos psíquicos, caracterolóxicos e de comportamento que definen a maneira de ser dunha persoa ou dun grupo social.
-
Síntese dos trazos característicos -históricos, culturais e morais- dun pobo ou dunha nación.
-