Queixo de San Simón da Costa
Denominación de Orixe creada pola Orde de 20 de abril de 1999 da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria. É unha variedade de queixo que se elabora nas parroquias de San Simón da Costa, Samarugo e Vilapedre, e no barrio de Moreda da parroquia de Lanzós, pertencentes ao concello de Vilalba, e nas parroquias da Balsa e do Viveiró, no concello de Muras. Toma o seu nome da parroquia vilalbesa de San Simón da Costa, que constitúe o seu punto de orixe. Presenta unha forma intermedia entre buxaina e bala cunha codia afumada e algo graxa. A súa pasta é semidura, con fendas, preta e de cor entre branca e amarela. A característica fundamental deste queixo é o seu afumado, despois do período de maduración que é de sesenta días, que se realiza de forma artesá con madeira de bidueiro. É un queixo entre un 45% e un 60% de materia graxa que se comercializa en dous tamaños distintos, ordinario e bufón, de menor peso.