Queixo do Cebreiro
Queixo do Cebreiro
Denominación de orixe creada pola Orde de 5 de marzo de 1999 da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria. Esta variedade de queixo elabórase nos concellos de Baralla, Becerreá, Folgoso do Caurel, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro e Triacastela. O leite que se emprega procede do gando vacún aínda que tamén se elaboran queixos con leite de gando caprino. Ten un aspecto funxiforme que se consegue atando un pano na base e deixando que a parte superior caia arredor. A súa codia é branca ou amarelada dependendo do punto de maduración e a súa pasta é abrancazada, branda e cun certo sabor ácido. Contén entre un 45% e un 60% de materia graxa que procede de leite enteiro pasteurizado e callado.