Real Academia de Bellas Artes de Nuestra Señora del Rosario

Real Academia de Bellas Artes de Nuestra Señora del Rosario

Institución fundada na Coruña en 1849. Creouse como Academia Provincial de Bellas Artes e desde 1913 instalouse no edificio do Real Consulado do Mar. Baixo o seu patrocinio naceron o Museo Provincial de Belas Artes e a Escola de Artes e Oficios da Coruña. Desde o 12 de xullo de 1916 ostentou o título de Real, desde o 14 de abril de 1947 someteuse oficialmente baixo a advocación da Virxe do Rosario, patroa da cidade da Coruña e en 1984 modificou a súa denominación pola de Real Academia de Bellas Artes de Nuestra Señora del Rosario. Desde 1986 integrouse no Instituto de España como academia asociada. Consta das seccións de Pintura e Gravado, Arquitectura, Escultura, Música e Amantes da Arte. O seu regulamento facultouna como institución oficial consultiva da Administración para actuar en todo o relativo á protección, acrecentamento e transmisión ás xeracións futuras dos bens culturais, así como promover e realizar estudos de investigación e promocionar o desenvolvemento das manifestacións artísticas dentro de Galicia. Concede as medallas Marcial del Adalid e a Medalla de Honor ao recoñecemento dunha labor, pública ou privada, en favor das artes e a cultura. O seu órgano de difusión é a revista Abrente.