Reforma
Período da historia do cristianismo occidental que, iniciado no s XV, perdurou ata o XVII e que foi a orixe das Igrexas protestantes, dun lado, e da Contrarreforma, por outro. No s XV a Reforma era necesaria. O estamento eclesiástico centrouse na fundación de novas ordes relixiosas coa figura do clérigo regular (teatinos, barnabitas, somascos, xesuítas) e de novas ordes femininas (anxélicas, ursulinas) sen clausura, menos contemplativas e máis activas. As antigas ordes monásticas e mendicantes animaban no seu interior á formación de congregacións observantes ou de reforma que, como no caso dos capuchinos, chegaron a constituír unha orde nova. Apareceron tamén bispos preocupados pola reforma, vinculados a miúdo ás irmandades ou compañías de laicos, en Italia, ou vinculados á obra reformadora dos Reis Católicos na Península Ibérica. Outros movementos de reforma anteriores ao Concilio de Trento foron o de Jean Standonck, ao redor do colexio de Montaigu en París; o evanxelismo do grupo de J. Lefèvre d’Étaples en Meaux, coa difusión da Biblia en linguas populares; ou o humanismo e o erasmismo, coa súa valoración e estudo crítico das Sagradas Escrituras. Máis localizados foron os movementos da Devotio Moderna nos Países Baixos e a experiencia reformadora na Península Ibérica, onde a partir do Concilio de Sevilla (1478), a Reforma se encamiñou especialmente cara ao clericato e cara á renovación teolóxica. A partir do Concilio de Trento, a reforma católica, estimulada pola protestante, adoptou o ton de Contrarreforma. A Reforma no centro de Europa tomou unha forza cada vez máis virulenta. A actitude de Martiño Lutero na Cuestión das Indulxencias tivo unha repercusión case europea nun ambiente sociopoliticamente preparado como era o alemán. A excomuñón, xunto coa ampla controversia teolóxica -preto de 200 obras católicas de réplica- e a difusión das súas obras (a primeira edición foi en 1518), foron conformando todo o seu pensamento teolóxico e relixioso, que basicamente quedou establecido en 1520. Namentres, en Wittenberg, levábanse á práctica estas ideas e xurdiron os primeiros núcleos radicais, como os profetas de Zwickau (N. Storch, T. Dreschsel, M. Stübner) ou os seguidores de Thomas Müntzer. Contemporáneos do movemento luterano foron os primeiros reformadores suízos: Huldrych Zwingli ou Johannes Oecolampadius. O cantonalismo suízo, non obstante, fixo que o movemento reformador se atopase cos cantóns católicos e cos primeiros grupos baptistas (anabaptistas), sobre todo o de Menno Simons (mennonitas). A pesar da difusión que fixo Zwingli das primeiras obras de Lutero en Zúric (1519), enfrontouse á causa da doutrina eucarística no Coloquio de Marburg (1529). A morte de Zwingli en Kapel (1531) permitiu o acordo (Consensus tigurinus, 1549) co seu sucesor, Heinrich Bullinger e co novo líder da Reforma suíza, Xoán Calvino, con quen o centro reformador se trasladou do eixe de Zúric-Berna a Xenebra. A expansión da Reforma xogou tamén co enfrontamento das dúas forzas representantes da antiga orde, o papa (Clemente VII) e o emperador (Carlos V). A disputa chegou ata o saqueo de Roma (1527). O emperador, que asumía a defensa das fronteiras orientais contra os turcos, necesitaba a axuda militar dos príncipes, axuda que prestarían (Liga de Esmalcalda) a cambio dunha actitude máis benevolente cara aos reformadores. Os mesmos príncipes, axudados polos reis de Francia e, a partir de 1533, polos de Inglaterra na súa loita contra os Habsburgo, contribuíron coas armas á difusión da Reforma ata obter, pola Paz de Augsburgo (1555), o dereito de reforma (matizado polo reservatum eclesiasticum) outorgado primeiro aos luteranos e ampliado aos calvinistas, despois da adhesión do Palatinado a Federico III (1563). O calvinismo, máis sistemático ca o luteranismo, desbordou o ámbito suízo e penetrou en Francia, onde asumiu unha reforma relixiosa, política e militar (hugonotes) que levou ás Guerras de Relixión (1562-1598). Nos Países Baixos, a situación sociopolítica converteuno na relixión da revolución nacional contra o rei católico de España, e en 1618 o sínodo reformado reunido en Dordrecht estableceu as bases da Igrexa nacional holandesa. Co Tratado de Crépy (1544) e a política represiva do duque de Alba, que comportou a emigración de valóns e flamengos sobre todo a Wesel, o calvinismo penetrou tamén no ámbito xeográfico alemán. Desde esta plataforma xermánica o protestantismo continental penetrou nos países nórdicos, onde, aínda máis ca no centro de Europa, o establecemento da Reforma obedecía á presión das forzas políticas. A conversión ao luteranismo de Gustavo I de Suecia e a súa actitude na Dieta de Väster<s (1527) permitiron a súa rápida difusión. Foi tamén a poboación xermánica o vehículo transmisor da Reforma, non só en Prusia senón tamén en Hungría e en Polonia, onde a nobreza, en loita contra a xurisdición episcopal, acolleu de bo grao as novas doutrinas. Nestas zonas conviviron pacificamente luteranos, calvinistas, irmáns moravianos e os movementos antitrinitarios. Máis alá, nas zonas de predominio ortodoxo, a Reforma foi considerada unha controversia teolóxica da Igrexa latina occidental. En Inglaterra a Reforma comezou co cisma de Enrique VIII e, baixo Eduardo VI, o luteranismo e o calvinismo penetraron tanto na doutrina coma no culto. Fracasada a restauración católica de María I Tudor, o anglicanismo recibiu con Isabel I a súa forma definitiva. A finais deste período reformador as igrexas da Reforma, coa formulación das confesións e a publicación de manuais dogmáticos, intentaron por fin a incerteza doutrinal e a arbitrariedade da predicación fixando as liñas xerais da ortodoxia reformada. As diferentes ordenacións eclesiásticas, por outro lado, regularon a disciplina, mentres que coa erección de centros de formación para os ministros asegurábase a súa calidade.