regra

regra

(

  1. [MAT/ARTE]
    1. s f

      Instrumento de madeira, plástico ou metal, longo e recto, de sección rectangular e xeralmente de pouco grosor, empregado para trazar liñas rectas cun lapis ou cun tiraliñas.

    2. regra graduada

      Regra que leva gravada unha escala lineal, xeralmente en centímetros e milímetros, e que se emprega para medir lonxitudes nun debuxo.

  2. s f

    Instrución ou norma de conduta, que indica o que se debe ou non se debe facer e a maneira de facelo.

  3. s f [FISIOL]

    menstruación.

  4. [RELIX]
    1. s f

      Conxunto das ordenacións que regulan a vida cotiá e o comportamento a seguir nunha orde relixiosa.

    2. s f

      Cada un dos preceptos dunha regra relixiosa.

    3. regra monástica

      Norma escrita que regula a vida dos frades con miras á observación dos consellos evanxélicos. Nun principio os frades rexíanse por decretos conciliares, decretais pontificias e leis civís ditadas por eles. Cada unha das comunidades monásticas regulaba a súa vida seguindo algún dos conxuntos de regras contidas nos codices regularum, coleccións coas regras e tratados ascéticos dos monxes de Exipto e as regras de santo Agostiño, san Pacomio, san Basilio e san Xerome, entre outros. As regras antigas foron reunidas por san Bieito de Aniana nun Codex regularum no s IX. Despois estas regras foron substituídas pola regula monachorum de san Bieito de Nursia (regra de san Bieito).
      As regras monásticas en Galicia
      A diferenza do que sucedeu no resto de Europa, a entrada da regra de san Bieto no NO da Península Ibérica foi un proceso tardío. Durante os períodos suevo e visigodo, e a Reconquista, seguíronse algunha das regras dos codices regularum. Estas regras adaptáronse á nova realidade e xurdiron outras novas. As máis relevantes foron a de san Martiño de Dumio, inspirada nas regras de san Cesáreo de Arles e san Bieito e nos opúsculos orientais, sobre os que compuxo As palabras dos anciáns e Sentenzas dos Pais Exipcios; e a de san Froitoso de Braga que, xunto cunha segunda recensión denominada Regula communis (665-680), permitiu unificar o réxime de todas as abadías que fundara. Estas regras incluían o pactum, unha fórmula contractual pola que os monxes expresaban a súa submisión ao abade que elixían, aínda que limitaban os seus poderes ao cumprimento do seu oficio. Estas regras monásticas estendéronse pola Península Ibérica e influíron na reforma monástica carolinxia, e san Bieto de Aniano incorporou a regra de san Froitoso ao seu Codex regularum. A lenta penetración da regra de san Bieito en Galicia debeuse probablemente á existencia dun vigoroso movemento monástico que non precisaba dunha nova regra. Aínda que se documenta a regra de san Bieito no mosteiro de Samos xa en 690, non foi ata os Decretos de Coyanza (1055), cando se ordenou a equiparación da regra de santo Isidoro de Sevilla coa de san Bieito. A chegada dos monxes cluniacenses supuxo o establecemento definitivo da regra beneditina nos mosteiros de Xubia, Pombeiro, Budiño e Valverde. A partir da expansión das ordes mendicantes no s XIII introducíronse novas regras monásticas como a franciscana.

  5. [MAT]
    1. regra de falsa posición

      Método para resolver a ecuación a·x = b, utilizado antes de inventarse a notación alxébrica actual, consistente en utilizar a fórmula (escrita na notación actual)


      FORMULA
      onde x1e x2son números tales que


      FORMULA2

    2. s f

      Método prescrito para facer unha operación ou para resolver un determinado problema.

    3. regra dos signos

      Regra que dá o signo do produto de dous números reais calquera. Pódese enunciar dicindo que se os signos son iguais o produto ten signo positivo, e se son diferentes ten signo negativo.

  6. s f [LING]
    1. Precepto referente ao bo uso da lingua, en gramática tradicional e normativa.

    2. Formulación dun procedemento fonético, morfolóxico, sintáctico, ortográfico e de formación de palabras dunha lingua.

    3. Calquera hipótese ou constatación empírica dunha realidade lingüística, diacrónica ou sincrónica, ou ben calquera hipótese no seo dunha teoría lingüística xeral. Poderíase distinguir entre lei e regra considerando o primeiro termo como a formulación que resulta dunha busca empírica da realidade das estruturas dunha lingua, e o segundo, como o froito dunha tentativa de produción dun modelo lingüístico para a estruturación dos feitos da lingua.

  7. s f [CONSTR]

    Instrumento longo e recto, de sección rectangular, groso e de gran tamaño, que empregan os obreiros como guía para diversas tarefas como facer lisas as paredes ou aliñar os ladrillos.

  8. regra de cálculo [MAT/ENX]

    Pequeno instrumento portátil de madeira, metal ou plástico, e cun grao de aproximación suficiente, na práctica, para a maioría de aplicacións técnicas. Consiste nunha regra provista de varias escalas graduadas, que leva, ademais, unha pequena regra tamén graduada, desprazable respecto da regra principal e un cursor transparente, tamén desprazable, provisto dunha ou máis raias verticais. A regra de cálculo permite facer diversas operacións matemáticas, pero non sumas nin restas. Foi substituída polas calculadoras.

  9. regra de tres [MAT]

    Algoritmo utilizado na resolución de problemas de proporcionalidade. Nunha función de proporcionalidade directa y = kx, cando se coñece x1, x2, y1 = kx1 e se quere determinar y2, que vén dado pola fórmula y2 = (y1/x1)x2, aplícase esta regra. Consiste en colocar os datos na forma


    FORMULA3
    e aplicar que y2 = (x2·y1)/x1.

  10. regra de ouro [FILOS]
    1. Norma ética que consiste en facer aos outros o que se quere para un mesmo.

    2. Norma ou precepto que é moi conveniente seguir.