Revista Gallega

Revista Gallega
[PUBLIC]

Revista publicada na Coruña a partir do 12 de marzo de 1895 que cesou o 30 de xuño de 1907 (nº640). Subtitulada “Semanario de literatura e intereses regionales”, foi dirixida por Galo Salinas. Publicación emblemática do rexionalismo galego, a partir do 14 de novembro de 1897 proclamouse “Órgano oficial de la Liga Gallega en La Coruña”, acentuando entón as súas posicións respecto da normalización da lingua galega e do seu ensino. Ese mesmo ano incluíu información do Boletín Bibliográfico de la Librería Gallega, que daba conta das publicacións na Coruña. Completaba os seus contidos con artigos sobre lingua e literatura, o teatro galego, a emigración ou a historia do xornalismo en Galicia.