Revolución Francesa
Período da historia de Francia que abrangueu desde a formación dos Estados Xerais, o 5 de maio de 1789, ata o golpe de estado do 18 de brumario de 1799. Supuxo a caída do Antigo Réxime e a obtención do poder político por parte da burguesía. A sociedade do Antigo Réxime non se adecuaba á nova realidade económica e social, ao excluír do poder político ao sector máis dinámico da sociedade, a burguesía. A filosofía da Ilustración asentou as bases ideolóxicas deste cambio. A etapa preliminar foi a Revolta dos Privilexiados (1787-1789), que tivo lugar cando os ministros da monarquía tentaron resolver a crise económica mediante a supresión dos privilexios fiscais. Impúxose a convocatoria dos Estados Xerais que se reuniron en Versailles o 5 de maio de 1789. Os deputados da burguesía (Terceiro Estado) constituíronse en Asemblea Nacional e pronunciaron o xuramento do Xogo da Pelota. O pobo de París mobilizouse e o 14 de xullo de 1789 tivo lugar a Toma da Bastilla, símbolo do absolutismo monárquico. A Asemblea Nacional (1789-1791) aboliu o réxime feudal e aprobou a declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán. Promulgouse a Constitución Civil do Clero, reformouse o sistema tributario e a administración e prohibiuse a asociación obreira e as folgas. O 3 de setembro de 1791 votouse a Constitución, liberal, burguesa e monárquica, e a Asemblea Nacional deu paso á Asemblea Lexislativa (1791-1792). As derrotas das tropas francesas fronte a Austria e Prusia provocaron unha segunda revolución, de carácter decididamente democrático e popular, impulsada polos xacobinos e os sans-culottes. Iniciouse así a segunda etapa revolucionaria: a revolución radical. A monarquía foi abolida e proclamada a república e a Asemblea Lexislativa deu paso á Convención Nacional (1792-1795). A guerra exterior medrou perigosamente e os xirondinos, incapaces de controlar a situación, foron substituídos polos xacobinos en xuño de 1793, dirixidos por J. P. Marat, G. J. Danton e M. Robespierre. Creouse o Tribunal Revolucionario de París e o Comité de Salvación Pública, e promulgouse a Constitución do ano I (1793). Asasinado Marat e desprazado Danton, Robespierre acadou o poder e desencadeou o Terror, impulsando medidas revolucionarias radicais. Non obstante, a burguesía conseguiu, mediante o golpe de estado do 9 de termidor do ano II (27 de xullo de 1794), a caída de Robespierre, iniciando a Reacción Termidoriana. Creouse unha nova institución política, o Directorio, que se tivo que enfrontar coa reacción realista e pediu axuda aos militares. A Conspiración dos Iguais foi abortada e o seu xefe, G. Babeuf, executado. As vitorias bélicas déronlle forza e prestixio a Napoleón I Bonaparte, que deu o golpe de estado do 18 de brumario (9 de novembro de 1799), que significou o fin do proceso revolucionario e o inicio dunha nova etapa: o Consulado.