salvadoreño -na
(
-
adx
Relativo ou pertencente a El Salvador ou aos seus habitantes.
-
s
Natural ou habitante de El Salvador.
-
arte salvadoreña
[ARTE]
Arte desenvolvida en El Salvador. Os xacementos precolombinos máis importantes correspóndense con pobos relacionados coa cultura maia (Tehuacan, Cihuatan) e azteca (Tazumal). Da cerámica atopada destaca a denominada plumbífera, de barro moi ben cocido e policromado e de formas moi variadas. A arquitectura conservada do período colonial mostra a influencia do barroco hispano. Destacan parte das catedrais de San Salvador e San Miguel e algúns edificios destas dúas cidades e de Sonsonate. Desde a independencia seguiu as principais correntes internacionais.
-
literatura salvadoreña
[LIT]
Literatura en lingua castelá cultivada en El Salvador. Iniciouse despois da independencia, baixo o signo do romanticismo, a finais do s XIX. Do modernismo pódese destacar a obra de Francisco Gavidia, mestre de Rubén Darío, que introduciu na liña modernista a nova acentuación do verso alexandrino e a adaptación ao castelán do hexámetro grego. No s XX os poetas modernistas decantáronse polas vangardas; deles, destacou V. Rosales y Rosales. Na prosa sobresaíu S. Salazar Arrué, M. A. Espino, R. González Montalvo e N. Rodríguez Ruiz, aínda que as xeracións anteriores están formadas basicamente por poetas, como J. Roberto Cea, A. Quijada Urizas e D. Escobar Galindo; ou por contistas, como A. Ambroggi. Comezou a ter unha certa importancia o teatro, xénero en que destaca a obra Funeral Home (1956) de W. Beneke. Posteriormente, destacaron Claribel Alegría, W. Chávez Velasco e Á. Menéndez Leal, e os ensaístas R. Barón Castro e J. F. Toruño. Con todo, o s XX estivo marcado pola ditadura, a censura e unha guerra (1971-1991) que finalizou cuns acordos de paz que remataron coa atmosfera de terror. No período que vai desde 1992 ata principios do s XXI reflíctese a efervescencia política da posguerra, no marco dunha liberdade individual descoñecida para un pobo que aínda percibe o medo. Neste contexto xorde a obra de catro destacados narradores: Manlio Argueta, Carlos Castro, David Escobar Galindo e Horacio Moya.