Sar, Santa María a Real de

Sar, Santa María a Real de

Antigo mosteiro situado en Santiago de Compostela. Fundouno en 1136 Diego Xelmírez que levou a cabo o proxecto de Munio Afonso de crear un mosteiro á beira do río Sar que se rexese pola regra dos agostiños. Foi a primeira comunidade agostiña de Galicia. Durante o mandato do prior Jácome Álvarez (1505-1536) converteuse en priorado e en 1548 a comunidade agostiña foi substituída por clérigos regulares. En 1867 converteuse en igrexa parroquial. A igrexa conserva a estrutura románica pero reformouse no s XVIII. Ten planta basilical con tres naves sen cruceiro e tres ábsidas. Accédese ás ábsidas por arcos de medio punto dobrados. A capela maior é de planta poligonal tanto cara ao interior como ao exterior e ten unha dobre arcada, separada por unha imposta lisa, a inferior é cega e a superior ten arcos cegos, decorados con pinturas murais, e outros abertos. As ábsidas laterais teñen planta poligonal cara ao interior e semicircular cara ao exterior. As naves sepáranse por piares cruciformes que sosteñen arcos de medio punto dobrados, lixeiramente peraltados. Teñen as tres a mesma altura, pero a central é de maior anchura, e cóbrense con bóvedas de canón reforzadas por arcos torais. Nos muros laterais ábrense ventás e sobre o arco de ingreso á capela maior un rosetón. Os piares interiores están inclinados. As diversas teorías formuladas para explicar esta situación conducen a deficiencias na construción ou relaciónanse coa natureza do terreo pantanoso onde se construíu. Sobre a porta da igrexa existiu un coro alto. Da fachada románica só se conserva a parte baixa. Organízase en tres rúas separadas por dous contrafortes. Na rúa central atópase a portada, formada por unha dobre arquivolta de medio punto apoiada sobre columnas acobadeladas con fustes lisos e capiteis vexetais. No corpo superior perdeuse o rosetón románico e abriuse unha ventá rectangular. Nas rúas laterais abriuse cadansúa ventá. O conxunto remata nunha espadana de dobre van. No muro norte conserva 6 contrafortes prismáticos que se construíron no s XVIII para reforzar a igrexa, unidos por arcos de medio punto. No muro ábrense ventás de arco de medio punto, formadas por arquivoltas tóricas enmarcadas por unha chambrana axadrezada e columnas acobadeladas. A porta é románica con arquivoltas con chambrana que enmarcan un tímpano liso e apoiadas en columnas acobadeladas. As antigas dependencias dos cóengos reconstruíronse no s XVIII. Destaca a fachada principal realizada por Manuel de los Mártires en 1755. A porta enmárcase nun gran bocel co emblema de Sar gravado na clave. Sobre ela atópase unha ventá flanqueada polos escudos de España, á esquerda, e do prior Pérez de Guzmán o Bo, á dereita. Ao redor destas dependencias organizábase o claustro medieval, do que se conservan nove arcadas da á norte pois o resto reconstruíuse no s XVIII. Vinculado ao obradoiro do mestre Mateo, presenta a alternancia dun piar cada dous arcos ou dous arcos sen piar. No centro do claustro atópase unha fonte do s XIII. No claustro e nas dependencias monacais atópase o Museo de Arte Sacra.

Palabras veciñas

Sar, Máximo | Sar, pedra de | Sar, ponte do | Sar, Santa María a Real de | sara | Sara | Sara