Saxonia, casa de
Liñaxe que reinou sobre o ducado, o electorado, o gran ducado e o reino de Saxonia e que forneceu dinastías imperiais no Sacro Imperio e reais en Inglaterra, Bélxica, Polonia, Portugal e Bulgaria. A primeira dinastía que reinou sobre o ducado de Saxonia foi a dinastía dos liudolfinos (850?-961). O duque Enrique I de Saxonia (876?-936) converteuse no Rei Enrique I de Xermania ou dos francos orientais e foi pai do duque Odón II de Saxonia , o Grande (912-973), que se converteu no Emperador Odón I e cedeu o ducado ao seu vasalo saxón Hermann Billung, que se converteu no duque Armando I de Saxonia (?-973) e foi o primeiro duque da dinastía dos billunxinos, que reinou ata o seu tataraneto o duque Magno I de Saxonia . O emperador adxudicou o ducado ao conde Lothar von Supplinburg, que se converteu no duque Lotario I de Saxonia (1060?-1137) e chegou ao solio imperial co nome de Lotario II. A dinastía de Supplinburg extinguiuse á súa morte e o ducado pasou ao seu xenro o duque Enrique X de Baviera, o Soberbio, que se converteu no duque Enrique de Saxonia (?-1139) e foi o primeiro duque da dinastía dos güelfos de Baviera. O seu fillo o duque Enrique III de Saxonia , o León (?-1195), levou unha política de agrandamento territorial que foi moi mal vista polos seus veciños, que conseguiron que o emperador o desterase en 1180 e o ducado de Saxonia foi dividido en moitos feudos. O título de duque de Saxonia déuselle a un fillo de Alberte I de Brandenburgo, que se converteu no duque Bernardo III de Saxonia (?-1212) e foi o iniciador da dinastía de Ascania, que continuou o seu fillo o duque Alberte I de Saxonia (?-1260), ao cal lle foi recoñecido o dereito a participar na elección dos reis de Xermania (1257). Á súa morte os seus fillos repartíronse os territorios e, como ambos retiñan o título ducal, eles e os seus sucesores (os duques de Saxonia-Lauenberg e de Saxonia-Wittenberg) disputáronse a dignidade electoral ata que en 1356 lle foi recoñecida á liña dos duques de Saxonia-Wittenberg. O emperador deu o ducado e o electorado ao margrave Federico IV de Misnia, que se converteu en duque de Saxonia-Wittenberg, elector Federico I de Saxonia (1370-1428) e o primeiro membro da dinastía de Wettin. Despois da morte do seu fillo o elector Federico II de Saxonia (?-1464) o Bo, os fillos deste repartíronse a herdanza polo Tratado de Leipzig (1485). O primoxénito, o elector Ernesto I de Saxonia (?-1486), quedou con Saxonia electoral (Saxonia-Wittenberg) e unha gran parte do landgraviado de Turinxia e foi o fundador da liña ernestina de Saxonia. O fillo pequeno, Alberte IV de Saxonia (?-1500), o Animoso, que tiña o título de duque de Saxonia, recibiu o margraviado de Misnia, o Osterland ou Marca Oriental e unha pequena parte setentrional de Turinxia, e foi o xefe da liña albertina de Saxonia. A liña ernestina perdeu a dignidade electoral en 1547, que lle foi dada á Albertina, e dela xurdiron unha serie de ducados saxóns, coñecidos co nome de ducados ernestinos: Saxonia-Weimar, Saxonia-Marksuhl, Saxonia-Eisenach, Saxonia-Coburg, (membros deste ducado formaron dinastías reais en Inglaterra, Bélxica, Bulgaria e Portugal), Saxonia-Gotha, Saxonia-Meiningen, Saxonia-Hildburghausen e Saxonia-Altenburg, que tiveron vida independente ata 1918. A liña albertina engadiu á dignidade ducal a electoral en 1547 e en 1635 os margraviados da Alta e a Baixa Lusacia. O elector Federico Augusto II de Saxonia (1696-1763), foi elixido rei de Polonia (Augusto III de Polonia) e foi avó do elector Federico Augusto III de Saxonia (1750-1827), o cal en 1806, ao ser erixido o electorado en Reino de Saxonia, converteuse no Rei Federico Augusto I de Saxonia. O derradeiro rei de Saxonia foi o seu neto Federico Augusto III de Saxonia (1865-1932), que abdicou ao proclamarse en 1918 a república.