Sempre en Galiza
Colección de ensaios, discursos, artigos e conferencias escritos por Castelao ao longo da súa vida. Rematouna en 1943 e publicouna en Bos Aires en 1944. O limiar está constituído polas “Verbas de chumbo”, escritas en 1935 durante a súa estancia en Badajoz e publicadas en A Nosa Terra. Ademais das súas vivencias no desterro amosa a orientación á esquerda do Partido Galeguista. A continuación das “Verbas de chumbo”, que publicou durante a Guerra Civil entre 1937 e 1938 en Nueva Galicia, constituíu o Libro Primeiro, en que tratou da solución política á cuestión nacional galega dentro do marco da Segunda República. O Libro Segundo está formado por escritos realizados durante a súa estancia en Nova York e rematado na viaxe a Bos Aires. Trata da non constitución do estado federal, do atranco ao proceso autonomista de Galicia e da derrota da Segunda República. O Libro Terceiro escribiuno en Bos Aires e finaliza co discurso pronunciado nun mitin organizado pola oposición española ao réxime franquista en Montevideo. Nel tratou de Galicia como nación, das súas relacións con Castela e Portugal, e defendeu o establecemento dunha España plurinacional, dunha república federal española e da Unión Ibérica. Nunha segunda edición (1961), engadíronselle sete novos capítulos.