Sikkim

Sikkim

Pequeno reino da rexión do Himalaia que desde 1974 constitúe un estado asociado a India (7.096 km2; 540.493 h [2001]). A súa capital é Gangtok. Está situado entre Nepal ao O, China ao N, Bhutan ao L, e o estado de Assam (India) ao S. País montañoso, está dominado ao NO polo macizo de Kānchenjunga (8.585 m). A súa poboación instalouse en pequenos núcleos nas vertentes máis temperadas entre os 1.000 e os 2.500 m. Na agricultura, dominada por terratenentes, cultívase arroz, millo miúdo, millo, patacas, cítricos e froitas. O subsolo, rico en minerais, contén cobre, chumbo, cinc, ferro, grafito, ouro, prata e bismuto, pero son pouco explotados. Ten industria alimentaria e pequenas manufacturas artesanais de cobre, madeira e la. O principado de Sikkim, fundado por unha familia tibetana a mediados do s XVII, perdeu parte do seu territorio durante o s XVIII a causa das disputas no seo da familia gobernante e dos ataques dos gurkha. En 1817, polo Tratado de Titālya, o seu príncipe transferiu a Reino Unido a política exterior a cambio de protección contra os gurkha, e en 1839 cedeu a rexión de Darjeeling. Sikkim conseguiu a independencia en 1947, xunto con India, que asumiu as funcións tutelares que exerceran os británicos. As ameazas de invasión de Sikkim por parte de China constituíron un dos motivos da tensión entre India e China. En 1975 a asemblea lexislativa aboliu a monarquía e aceptou a anexión a India, que foi ratificada mediante un referendo pouco claro, e converteuse nun estado federado de India.