Sil, Canón do
Área de interese natural, incluída como Lugar de Importancia Comunitaria (2001) e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (2004) na proposta da Rede Natura 2000, situada nos concellos de Pantón, Sober, Nogueira de Ramuín e Parada de Sil, cunha superficie de 5.914 ha. A orografía do espazo está caracterizada por canóns formados polos ríos Sil e Cabe ao longo de 15 km con desniveis que van desde os 300 aos 500 m. Goza dun clima mediterráneo con diferenzas entre as abas de solaina e avesío. Nas transformacións sufridas por parte do home destacan o cultivo da vide mediante bancais e a construción de grandes encoros. A súa vexetación predominante é de tipo mediterránea e a maior parte da súa superficie está cuberta por mato. Nas chairas atópanse bosques de cerquiño e cara ao L de carballos, ambos os dous con xestas e uces. Nas paredes do canón existen bosques de sobreiras, aciñeiras e érbedos, e xunto ao río bosques de amieiros, salgueiros e mimosas. A súa vexetación tupida e o feito de ser unha zona abrupta, case impracticable, propicia unha abundante e variada fauna, da que destacan entre os mamíferos, o lobo, o corzo, o gato bravo, a algaria, o xabaril e o raposo común, e entre as aves a aguia real, o bufo grande, a aguia albela, o falcón peregrino, a cotovía pequena e a papuxa montesa.