Tebas
Antiga cidade de Exipto situada á beira oriental do Nilo, uns 700 km ao SL do Cairo. Non comezou a ter un papel importante ata a dinastía XI (2133-1991 a C), cando os xefes da provincia iniciaron a guerra contra a dinastía X, que acabou coa vitoria de Mentuhotep II sobre esta. Capital de Exipto de 2040 a 1991 a C, non volveu selo ata 1567 a C, cando Ahmosis, príncipe de Tebas, fundou o Imperio Novo (1567-1085 a C). Este foi o período de máximo esplendor da cidade, que era a sede dun forte reino que controlaba Nubia e Siria-Palestina. A pesar disto, a partir da dinastía XXI, perdeu definitivamente a capitalidade. Foi saqueada en 672 a C por Assarhaddon e en 665 a C por Assurbanipal e no período ptolemaico (323-330 a C). Da vasta aglomeración, só se conservan os santuarios de Karnak e de Luxor. Os restos máis importantes da cidade atópanse á beira esquerda do Nilo, onde se erguen as necrópoles do Val dos Reis, do Val das Raíñas de Šay ẖ ‘Abd-al-Qurna, os templos de Dayr al-Ba ḥ rī e o Ramesseum e o poboado de Dayr al-Madīna. Foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (1979).