teléfono

teléfono

(< 1 tele-+ -fono)

  1. s m

    Sistema eléctrico que permite transmitir sons a distancia a través dunha liña que conecta uns aparatos emisores e receptores, grazas ao que poden conversar dúas persoas. O 12 de xuño de 2002 o Congreso de EE UU aprobou a resolución número 269 que declaraba ao italiano, nacionalizado estadounidense, Antonio Meucci como o inventor do teléfono. Meucci emigrou a Cuba (1835) onde traballou en investigacións científicas de aplicacións militares e en electromedicina. En La Habana descubriu accidentalmente, durante o emprego dun dos seus descubrimentos, a transmisión de sons a través de condutores, e decatouse das posibilidades que isto representaba para as comunicacións. En 1850 trasladouse a Nova York, e en 1860, dez anos antes da patente de Bell, fixo unha demostración dun sistema telefónico que denominou teletrófono. Meuci rexistrou o seu prototipo (1871) sen obter unha patente, protestou a de Bell, pero non tivo éxito. Entre as invencións que se atribúen a Meucci figura o uso de bobinas para mellorar a calidade e o alcance das liñas telefónicas. Esta técnica, que se coñece como pupinización, patentada polo iugoslavo Miguel Pupin (1900), empregouna Meucci por primeira vez no seu prototipo, 38 anos antes. A resolución do Congreso de EE UU anula a patente 174.465, xa caducada en 1893, de Bell sobre o teléfono e indica que foi obtida fraudulentamente. Este é un tema moi controvertido xa que ésta é, probablemente, a patente mais valiosa da historia da tecnoloxía. Foi o escocés Alexander Graham Bell, naturalizado estadounidense, o que obtivo a patente do teléfono o 7 de marzo de 1876 e construíu o primeiro teléfono práctico. Bell estivo interesado no uso do telégrafo para enviar máis dunha mensaxe á vez, o que se coñece como telégrafo harmónico. A compañía que desde entón está asociada co teléfono, a Bell Telephone Company, foi fundada no ano 1877. O estadounidense Elisha Gray, inventor do fax, que tamén investigou a transmisión harmónica por liñas telegráficas, rexistrou o seu sistema telefónico unhas horas despois de Bell. Os primeiros sistemas telefónicos instaláronse nas cidades e consistían en liñas que terminan en centrais onde os operadores conectan dúas liñas de usuarios para establecer a comunicación. O emprego de números telefónicos apareceu en 1879 e as primeiras centrais automatizadas en 1891. O primeiro sistema para automatizar a conexión de dúas liñas telefónicas foi creado polo estadounidense Almon Strowger, cuxo sistema permitiu o envío de dous números e movía os selectores horizontal e verticalmente, o que permitía conectar 100 liñas de usuario coa da mesma central. Este sistema foi mellorado dando lugar aos teléfonos rotarios que empregaron pulsos de duración fixas e precisaban só de dous fíos por liña de usuario. As centrais xeraban tonos para indicarlle o usuario o estado da chamada. Estes son os tons de chamada, de liña ocupada, entre outros, que os sistemas modernos aínda xeran. Os teléfonos de marcador rotatorio son unha herdanza destes primeiros sistemas de conmutación telefónica automática. Nos primeiros sistemas baseados neste tipo de centrais as chamadas a unha área telefónica diferente precisaban da actuación dun operador. En 1881 instalouse a primeira liña de longa distancia en Nova Inglaterra cubrindo 70 km. As primeiras liñas telefónicas foron dun só fío, e, neste caso, o circuíto pechábase por terra. Pero este retorno produce demasiado ruído, sobre todo en liñas longas, polo que a partir da década de 1890 comezou a empregarse a liña telefónica de dous fíos. A aparición do transistor (1947) abriu o camiño á telefonía dixital da década de 1960, coñecida como TDM (Time Division Multiplexing, Multiplexación por División de Tempo). Estes sistemas obteñen unha mostra do sinal de voz cada 125 ms, e as mostras codifícanse empregando PCM (Pulse Code Modulation) que usa 8 bits por mostra, o que resulta nun sinal dixital de 64.000 bits/s. Este sinal representa o sinal básico en telefonía dixital TDM e coñécese como unha canle de voz ou DS0. O decodificador, empregando un sinxelo filtro electrónico, converte o sinal dixital nun sinal analóxico moi semellante ao orixinal. En PCM o sinal transmitido é unha restra de pulsos representando ceros e uns, e na central telefónica varios sinais DS0 agrúpanse pola técnica de multiplexación TDM, que permite a varios sinais compartir o mesmo medio de comunicación, e que se logra asignando un certo tempo de transmisión a cada sinal. No sistema europeo 30 canles DS0 multipléxanse para formar un sinal denominado E1 de 2.048 Megabits/s. As canles telefónicas vanse agregando deste xeito ata formar sinais E2, E3, E4 e E5 que conteñen respectivamente 120, 480, 1.920 e 7.680 sinais DS0. A velocidade de transmisión precisada para transmitir estes sinais aumenta loxicamente. As 7.680 canles telefónicas dun sinal E5 requiren aproximadamente 565 Megabits/s. A dixitalización da telefonía permite a progresiva integración do tráfico de voz ou de datos. Esta integración chega ao domicilio dos usuarios cando aparece RDSI (Rede Dixital de Servizos Integrados) que na versión de banda estreita soporta dúas canles de voz ou de datos. Non obstante, a maior parte dos usuarios continúan a empregar conexión por módem telefónico. Hoxe en día o RDSI está sendo substituído pola tecnoloxía xDSL (HDSL, IDSL, ADSL ou VDSL) e polos sistemas de TV por cable. As limitacións de sistema TDM levou á aparición do sistema SDH (Synchronous Digital Hierarchy, Xerarquía Dixital Síncrona) desenvolvido en EE UU baixo o nome de SONET, que emprega Multiplexación por División de Tempo e alcanza moi altas capacidades. A mínima capacidade dun sistema deste tipo coñécese como STM-1 e transporta 155 Mbps. Se se emprega a fibra óptica, existen enlaces SDH que chegan ata STM-64, o que equivale a 10 Xigabits/s. Ademais de transportar tráfico telefónico e de datos, os sistemas SDH empréganse para conectar redes locais en zonas metropolitanas.

  2. s m [TECNOL/COMUN]

    Aparato para transmitir sons a distancia mediante unha instalación de telefonía. O teléfono está constituído fundamentalmente por un micrófono, un auricular e os dispositivos complementarios que permiten enviar e recibir as chamadas (como o disco de marcar). O micrófono e o auricular van aloxados no microteléfono, que se separa do teléfono e que se mantén na man ao falar. Nalgúns modelos o microteléfono ten, ademais, o disco de marcar. A chamada orixínase cando se descolga o microteléfono. No teléfono automático prodúcese a través do disco de marcar, que, no movemento de retroceso ata a posición de repouso, interrompe, cunha cadencia regular, a corrente continua de alimentación da central. Co tempo substituíuse o disco de marcar por teclas, que, ao ser premidas, envían á central unha combinación de dúas frecuencias entre cinco preestablecidas, como identificación do díxito correspondente.

  3. s m

    Número particular de cada aparato.

  4. teléfono móbil [COMUN]

    Terminal telefónica portátil que usa redes dixitais ou analóxicas.

    Sinónimos: móbil.