Teutónica, orde

Teutónica, orde

Orde militar creada ao redor de 1190 en San Xoán de Acre, con finalidades hospitalarias, pero que asumiu deseguida un carácter militar. Chamados polo duque polonés Conrad de Mazovia, os cabaleiros teutónicos conquistaron Prusia (1233-1283). En 1309, cando o gran mestre da orde estableceu a residencia en Marienburg (Prusia), a orde creara un gran estado feudal, non só en Prusia senón tamén nos países do L do Báltico, coa axuda dos cabaleiros livonios, os que formaran a rama livonia da orde en 1237, coñecida antes co nome de Orde dos Portaespadas. En 1408, ao estalar unha rebelión contra a orde en Samoxitia, Polonia e Lituania uniron as súas forzas e derrotaron aos cabaleiros teutónicos en Grünwald en 1410. Desfeita a súa forza militar a autoridade e a posición financeira da orde declinou. En 1525 o gran mestre Alberto de Brandenburg-Ansbach disolveu a orde en Prusia e transformou o seu territorio nun ducado vasalo de Polonia. En 1561 o mestre da rama livonia, Gotthard Kettler, tamén disolveu a súa orde e converteuse en duque de Curlandia, vasalo de Polonia. A orde foi finalmente disolta por Napoleón I en 1809. No Imperio Austro-húngaro foi restablecida en 1834, e o gran mestrado foi outorgado aos arquiduques da casa imperial.

Palabras veciñas

Teutoburg, selva de | teutón -teutoa | Teutónica, Hansa | Teutónica, orde | teutónico -ca | Teverga | tex