título

título

(< lat titŭlu)

  1. s m
    1. Palabra ou frase que dá nome a un libro, capítulo, conferencia ou a calquera obra literaria ou artística, que expresa normalmente o asunto ou contido de que trata.

    2. Subdivisión dun código, lei ou regulamento.

    3. Nome que designa unha profesión, grao ou categoría desempeñada por unha persoa despois de realizar e superar os estudos correspondentes.

  2. s m
    1. Denominación honorífica que se lle dá a unha persoa.

    2. Tratamento honorífico concedido polo rei, co que distingue a unha persoa, que se transmite aos herdeiros directos.

    3. título nobiliario /HERÁLD [HIST/HERÁLD]

      Distinción honorífica inalienable, perpetua, vinculada e imprescritible (se non é vitalicio ou persoal para dúas vidas ou máis), concedida a unha persoa e aos seus descendentes ou sucesores hereditarios segundo unha orde establecida. En España, esta orde queda regulada no privilexio de creación do título, e no seu defecto séguense as leis que regulan a orde de sucesión á coroa. A concesión e rehabilitación de títulos nobiliarios regulouse no Real Decreto 222/1988, de 11 marzo, que modificou os reais decretos de 1912 e 1922. A obtención dos títulos nobiliarios faise segundo uns méritos, pero ata o s XIX había os denominados títulos beneficiados, que se concedían a unha persoa polo feito de ter sufragado economicamente unha determinada obra. Son títulos nobiliarios os de duque, marqués, vizconde, barón e señor. Non se consideran títulos senón dignidades, os cualificados de grande de España, almirante de Aragón ou mariscal de Navarra, entre outros.

    1. s m

      Documento que establece o dereito de alguén a unha distinción honorífica, un grao profesional ou a exercer un cargo ou unha profesión.

    2. s m

      Documento que garante un dereito, en concreto, a posesión dun ben.

    3. s m [PEDAG]

      Documento escrito que dá fe de que o seu titular ten uns determinados coñecementos ou é capaz de exercer determinadas funcións.

    4. s m [DER]

      Documento xurídico que outorga un dereito ou establece unha obriga.

    5. s m [ECON]

      Documento que establece a propiedade dun activo financeiro ou material. Os títulos emitidos polo estado chámanse débeda pública ou cédulas de investimento, e poden ser amortizables ou non amortizables (débeda perpetua). Os títulos privados (nominais ou ao portador) de renda fixa chámanse obrigas ou bonos de caixa, e poden ser dados por sociedades en cantidades determinadas. Os títulos de renda variable, normalmente accións, son documentos representativos da participación da sociedade no capital social da empresa.

    6. título executivo [DER]

      Documento que confire o dereito de actuar executivamente contra o debedor. Segundo a lei procesual civil, só comporta execución, entre as outras, a primeira copia dunha escritura, a confesión feita perante un xuíz competente e as letras de cambio aceptadas sen opoñer falsidade ao momento de protestar a letra por falta de pagamento.

  3. s m [RELIX]
    1. Cada unha das casas particulares onde os primeiros cristiáns celebraban culto baixo a protección (sub titulo) dunha persoa influinte, a miúdo convertida en santo, por confusión co titular ou santo patrón dunha igrexa.

    2. título cardinalicio

      Igrexa de Roma que ten como titular un cardeal.

  4. s m [QUÍM]

    Valoración cuantitativa dunha solución.

Frases feitas

  • A título de loc prep En calidade de.

Palabras veciñas

titularidade | titulatura | titulización | título | tiv | Tivissa | Tivoli