Torras Martínez, Luís
(Vigo 29.12. 1912) Pintor. En 1935 trasladouse a Madrid e ingresou na Escuela Superior de Bellas Artes de San Fernando. Co estoupido da Guerra Civil foi mobilizado e ao termo desta rematou os estudos. Foi profesor na Escola de Artes e Oficios de Vigo e, desde 1954, concorreu ás Exposicións Nacionais, onde obtivo unha terceira medalla en 1962. Cultivou o retrato, a paisaxe, incluída a urbana, o bodegón e as escenas populares. De estilo íntimo e ecléctico, evolucionou desde o realismo figurativo e pintou figuras moi escultóricas integradas na paisaxe, exaltando sentimentos de tenrura. A súa pincelada é firme, sen veladuras nin esfumados. As súas obras achéganse, partindo dun postimpresionismo cubista, aos modos fauves. Destacan, entre outras obras, Pintora e modelo (1952), Porto de Guixar (1965), Muller con muíño (1965), O Berbés (1973), Capea en Albarracín (1984-1985), Praia (1985-1987), Boi esfolado (1985), Grúa no Berbés (1997-1998) e Pan de centeo con pasas (1997). En 1998 cedeu parte da súa obra ao concello de Vigo, coa que se formou a Colección Torras.