Torre Cedeira, condado de
Título nobiliario outorgado pola raíña rexente María Cristina en 1890 a Manuel Bárcena Franco (Vigo 27.8.1834-1908), alcalde de Vigo (1879) e senador pola provincia de Pontevedra. A través da sociedade Menéndez y Bárcena, posteriormente Banca Bárcena, dedicouse ao comercio de importación, á consignación de buques e á representación de compañías navieiras estranxeiras. Fundador da Caja de Ahorros y Monte de Piedad de Vigo, foi representante consular de Reino Unido, Rusia, Alemaña, Bélxica e Dinamarca. Recibiu a Gran Cruz de Isabel La Católica. O título herdouno o seu primoxénito, Manuel Bárcena e Andrés-García , cónsul de Reino Unido en Vigo. O seu fillo e sucesor foi Manuel Bárcena de Castro (Vigo 1.6.1905-Redondela 1.11.1962), III conde de Torre Cedeira, que non tivo descendencia polo que o título pasou ao seu irmán Filipe Bárcena de Castro (?-Vigo 4.8.1984), IV conde de Torre Cedeira. En 1985 herdou o título o seu fillo Felipe Bárcena e Varela de Limia (Madrid 1946), V conde de Torre Cedeira. Trae por armas as dos Bárcena, coa coroa condal.