traxe

traxe

(< lat tardío tragere

  1. s m [INDUM]
    1. estimenta exterior completa. En Galicia o traxe tradicional varía segundo as distintas zonas e tamén dependendo da súa finalidade e función social. Existe unha marcada diferenza entre o traxe das zonas de montaña e o das zonas costeiras. O traxe tradicional pódese dividir en dous tipos fundamentais: traxe de gala ou garda e traxe de faena ou de diario. O traxe de gala feminino está composto, basicamente, por unha camisa de liño, formada por dúas pezas, o ca os (parte do peito ata o van) e a faldra (desde o van ata preto do xeonllo). A calidade do liño empregado na camisa varía do traxe de gala ao de faena e tamén varía se é para o ca os (máis fino) ou para a faldra (máis groso). Despois está a calza, sobre a que se coloca a enagua, e compleméntase a roupa interior coas medias, que poden ser de liño, algodón ou seda e cun deseño calado. Sobre as enaguas, o traxe de gala pode poñer varias saias: unha interior chamada zagal ou refaixo e unha exterior, que pode ser o mantelo, a vasquiña ou outra saia distinta. Sobre estas pezas pódese poñer un mandil de gala adornado con veludo e pasamanaría. Por riba da camisa a muller pode levar diversas pezas segundo a zona ou a condición social, pero o máis habitual é poñer un dengue de gala cruzado no peito, un corpiño de brocado ou seda ou unha chaqueta decorada con encaixe. Pode complementarse coa manteleta, que se coloca sobre os ombros ou sobre a cabeza; pero o elemento máis empregado para cubrir a cabeza é a cofia de liño ou encaixe, aínda que tamén se pode usar o casquete. Finalmente, a muller leva zapato baixo cun pequeno tacón e unha gran variedade de adornos e xoias, das que destacan os sapos. No traxe feminino de faena a roupa interior sofre variacións, xa que a calidade dos tecidos non é a mesma e substitúense as enaguas por outro refaixo e as medias caladas por unhas de la grosa. Os refaixos e saias, de picote ou candil, van superpostos e adoitan levar un mandil de liño, picote ou estameña amplo que tamén se utiliza como pequena capa os días de chuvia. Por riba da camisa poden levar un xustillo de la ou picote ou un pano de oito puntas con motivos florais cruzado sobre o peito. Tamén empregan para cubrir a camisa unha touca de la ou un mantón meiriño cruzado por diante. Na cabeza levan un pano de cores con debuxos florais atado atrás ou arriba, dependendo da zona ou do estado civil da muller. O calzado máis común son as zocas de madeira, postas directamente sobre as medias ou sobre os escarpíns, ou as botinas de coiro e madeira. O traxe do home tamén varía segundo sexa de gala ou de faena. O traxe de gala masculino está composto, fundamentalmente, pola camisa de liño con mangas amplas e cinxida nos pulsos, e unhas cirolas tamén de liño. Sobre a camisa leva un chaleco con marcadas lapelas e deseños xeométricos bordados con fío. Por riba das cirolas van os calzóns cunhas aberturas nos laterais e unha fileira de botóns de metal brillante e a faixa para suxeitalo, que dá varias voltas arredor do van e que pode ter algún bordado. Para cubrir as medias de la empréganse as polainas que adoitan rematar en punta sobre o zapato e poden adornarse cun pompón. Sobre o chaleco vai unha chaqueta de bo pano e a cabeza cóbrese cun pano de seda de cor sobre o que vai unha monteira adornada con bordados de fío, pompóns ou plumas. Tamén pode levar diversos tipos de chapeu, como a tella. Finalmente, pode acompañarse dunha capa ampla para protexerse do frío ou da chuvia. No traxe de faena masculino a roupa interior varía pouco na forma, pero cambia moito respecto aos tecidos empregados. A perna vai cuberta por unhas medias de la gorda e unhas zocas ou uns zocos de coiro e madeira nos pés. A faixa non é máis que unha tira de estameña ou la que se enrosca no van e que cobre a parte superior do calzón e a parte inferior do chaleco, que pode ter lapelas. Nos días de frío pode levar unha chaqueta de la ou picote con remontas doutros tecidos e noutras cores. A cabeza vai cuberta cun pucho, unha monteira baixa ou un chapeu de aba caída. As posibles combinacións das pezas tanto no traxe de gala como no de faena son múltiples, aínda que estas son as máis habituais. Aínda así, hai zonas en Galicia que conservan particularidades propias no traxe, fundamentalmente no de gala. Unha destas diferenzas está na forma de levar as cirolas os homes, xa que nas Rías Baixas o común é levalas por fóra das polainas mentres que no N e L de Galicia o habitual é levalas por dentro. Un dos máis coñecidos é o traxe da zona de Muros que presenta unha peza chamada muradá, unha especie de mantelo de pano fino con adornos de veludo e pasamanaría. Na zona de Bergantiños chama a atención a cor amarela coa que adornan os seus traxes, tanto nas saias como nas fitas e bordados. No interior da provincia de Pontevedra, concretamente na zona de Cotobade, empregan unha peza moi luxosa, chamada parlamenta, que cobre os ombros e deixa caer os extremos sobre o peito. O traxe da zona de Tui presenta como cor dominante o marrón, aínda que un pouco máis claro ca na comarca de Muros. Outra peculiaridade no traxe de gala desta zona é o uso do casquete sobre un pano de seda que se adornaba con plumas de cores. Nas zonas de montaña variaba a calidade dos tecidos, xa que as prendas se confeccionaban cun fío máis groso para que abrigasen máis.

    2. Conxunto de vestir masculino formado por chaqueta e pantalón e, ás veces, chaleco, feitos da mesma tea.

    3. Conxunto de vestir feminino formado por chaqueta e saia e, ás veces, pantalón, feitos da mesma tea.

    4. Vestido feminino dunha soa peza.

  2. s m

    Maneira de vestir propia dunha época, país ou rexión, ou dunha profesión.

  3. traxe de baño [INDUM]

    Peza de roupa que se utiliza para bañarse.