tropical
(< trópico)
-
adx
-
Relativo ou pertencente aos trópicos.
-
Que está situado entre os dous trópicos.
-
-
adx
Aplícase ao clima moi caloroso.
-
rexións tropicais
[BIOL/XEOG]
Rexións que forman parte da zona cálida da Terra e se estenden aproximadamente dun trópico a outro. Caracterízanse por unha manifesta alternancia de chuvia e sequidade e están limitadas pola zona árida e seca das presións subtropicais e pola zona de clima ecuatorial. A estación seca aumenta do Ecuador cara aos trópicos e mingua en dirección contraria. A área tropical ten, por outra banda, unha circulación atmosférica diferente da área temperada. Existe un fluxo constante de aire (ventos alisios) que se despraza cara ao Ecuador, desde a zona das altas presións subtropicais, nunha dirección NL-SO no Hemisferio Norte e SL-NO no Hemisferio Sur. Entre os tipos de clima tropicais máis característicos destacan o sudanés, o senegalés, o de montaña, o monzónico e o chinés. O sudanés é moi húmido e localízase en certas rexións de Sudán, ao S da República Democrática de Congo, na costa L de Madagascar, nas Antillas e en zonas do altiplano brasileiro. O senegalés caracterízase por unha estación seca moi longa e localízase en zonas de Senegal, de África oriental, da República Surafricana, sectores de Venezuela, México e Brasil. O clima do S de China e do SL de EE UU comporta, ademais da complicación tropical-monzónica, a influencia das depresións das altas latitudes e a brusca aparición de frontes frías que proceden do anticiclón siberiano ou de Manitoba, respectivamente. As illas tropicais presentan tamén moita diferenza segundo as vertentes (barlovento ou sotavento). A selva densa da zona ecuatorial é substituída polo bosque claro e a sabana, máis ou menos herbácea, arbórea ou arbustiva, segundo os lugares. Ao longo dos ríos caudalosos reaparece a selva densa (bosque galería), que aproveitan a humidade ambiente e nos sectores máis secos a vexetación é xerófita. A vida animal é abundante e variada. Atópase unha gran cantidade de animais herbívoros (xirafas, cebras e gacelas), acompañados dun gran número de carnívoros (leóns, tigres e hienas). Os solos non son moi bos, aínda que hai solos aluviais e de descomposición volcánica moi fértiles. O réxime de ríos depende da alternancia estacional. A modelaxe do relevo reflicte as condicións climáticas da zona: destaca a exfoliación característica dos granitos, os relevos en inselberg e as formas específicas dos carsts. Son rexións moi poboadas en certos lugares (área de clima tropical monzónico), pero moito menos noutras (clima máis seco). Unha boa parte dos habitantes dedícanse á agricultura (ferramentas e técnicas atrasadas), e a unha industrialización moi reducida. O arroz é o cereal básico das poboacións do SL asiático (clima monzónico), pero na área tropical cultívanse, ademais, unha gran variedade de plantas. Esta área forma parte, en xeral, do terceiro mundo.