Tui, San Domingos de

Tui, San Domingos de

Convento situado en Tui. Ten a súa orixe en 1272, cando se instalaron aquí os dominicanos, nun lugar chamado Oratorio, xunto ás portas da muralla. En 1328, por motivos de espazo, trasladouse xunto á igrexa de San Xoán de Porto, lugar coñecido como O Rastrillo. A construción iniciouse en 1330 e non se consagrou ata 1524. En 1482 anexionou a antiga igrexa de San Xoán de Porto, que foi derrubada pouco despois e en 1529 tivo que ser reparada pois un raio causou desperfectos na bóveda da ábsida. Nos ss XVII e XVIII tamén se produciron reformas. A igrexa é de estilo gótico e ten planta de cruz latina con tres ábsidas e nave central con tres tramos. A fachada principal é neoclásica (s XVIII) e posúe nun lado a torre campanario. A portada sur procede da igrexa de San Xoán de Porto e conserva no tímpano unha Adoración dos Reis. Foi declarado BIC en 1931.