Tui-Vigo, diocese de
Demarcación territorial da Igrexa Católica que se estende desde a beira meridional da ría de Vigo ata a beira galega da desembocadura do río Miño. Limita ao N coa diocese de Santiago (sé arcebispal da que é sufragánea) e ao L coa diocese de Ourense, da que a separan as serras do Suído e do Faro de Avión e o propio río Miño. A sé episcopal tradicional foi Tui, aínda que en 1959 adquiriu a dobre capitalidade e tomou o nome de Tui-Vigo, cidade esta última a onde se desprazaron os bispos. No entanto, o templo-fortaleza de Nosa Señora da Asunción de Tui mantén a condición de cátedra do bispo, que comparte coa antiga colexiata de Santa María de Vigo. A antigüidade da diocese de Tui remóntase á Alta Idade Media e aparece citada no Parochiale Suevum (572-582) como sufragánea de Braga. No s XV dependeu da metrópole compostelá.