Virxe do Cristal, santuario da

Virxe do Cristal, santuario da

Santuario situado no lugar do Cristal, en Vilanova dos Infantes (Celanova). Segundo a tradición, sobre o 1650 un labrego atopou un cristal coa imaxe da Virxe que meteu no peto pero, como lle pesaba, deixouno no chan. Ao día seguinte unha pastora atopouno e levouno ao párroco Xoán Barros e este ao bispo Antonio Paino, quen decidiu expoñelo publicamente. Posteriormente, Curros Enríquez, no seu poema “A Virxe do Cristal”, enmarca o achado da imaxe nunha lenda de amores entre unha pastora e un xornaleiro do castelo de Vilanova dos Infantes. A imaxe gárdase nun relicario no interior do santuario. O templo é barroco cunha soa nave. A romaría celebrábase o 25 de marzo, día da Anunciación, pero trasladouse ao 15 de setembro despois de que a imaxe da Virxe fose sacada en procesión xunto coas de san Roque e san Sebastián por mor dunha epidemia de cólera, que foi afastada milagrosamente da vila. Desde entón hai dúas procesións de penitentes que conflúen no lugar onde se fixo o milagre e os dous santos fanlle reverencias e bican a Virxe.

Palabras veciñas

virxe | Virxe | Virxe do Camiño, A | Virxe do Cristal, santuario da | virxenar | Virxes, illas | virxiliano -na